O Concello de Ourense permite e participa no reparto mafioso de contratacións en ECOURENSE

O Concello de Ourense permite e participa no reparto mafioso de contratacións en ECOURENSE
Os sindicatos UGT, CIG, CCOO e CSIF, que representamos a 7 dos 9 membros do comité de empresa de ECOURENSE UTE, queremos denunciar o que consideramos irregularidades moi graves no sistema de contratación de persoal adscrito ao Servizo Público de limpeza viaria e recollida e transporte de residuos sólidos urbanos.
Sistema perverso de reparto de cuota. O reparto de poder para realizar contratacións é o seguinte: – 50% reservado a un pseudo sindicato (con 2 representantes no comité) denominado Sindicato de Traballadores da Limpeza (STL), que contrata ao traveso dunha suposta empresa de economía social que seica ten como obxectivo conseguir traballo a persoas en situación de risco de exclusión social. Denomínase “Asociación Impulso ao Emprego” (IMPREGA). – O outro 50% repártese entre medio dun difícil equilibrio de poderes e influencias: cargos directivos, encargados e o propio Concello de Ourense.
O botín é diferente segundo o cupo do que se trate. O beneficio que cada grupo de control da contratación de persoal obtén, é diferente: nalgúns casos son réditos políticos, persoais e, en definitiva, control da vontade das persoas contratadas, que pasan a engrosar as ringleiras de quen debe favores que nunca se acaban de pagar. No caso da empresa pantalla IMPREGA, cuxos listados de persoas contratadas son xestionados integramente polo pseudo sindicato STL, teñen unha dobre peaxe: unha económica, xa que cada persoa contratada a xornada completa debe pagar unha cota de 63,50 € mensuais. E por outra parte, contratados e familiares que xa estaban no cadro de persoal de ECOURENSE, deberán afiliarse ao referido STL.
Canta máis xente se contrate, maior é o reparto. Este sistema induce a, para agrandar beneficios e ampliar ao máximo o círculo de persoas que deberán amosar “agradecemento eterno ao seu mentor”, contratar a cantas máis persoas mellor. Moitos traballadores con contratos precarios. Así, maior é o círculo de influencia. De aí que ECOURENSE pasara de ter en maio de 2016 un total de 164 persoas contratadas; 168 no mesmo mes de 2017; 161 en 2018; e curiosamente, en maio de 2019 (o ano que comezou a poñerse en práctica o negocio) o cadro de persoal foi de 204 traballadores, e en maio deste 2020, en pleno período de ERTEs e destrución de emprego, hai 217 persoas en plantilla. Case un terzo máis que hai catro anos. Nos mesmos días nos que preto de 18.000 traballadores de Ourense están en ERTE, e logo de destruír máis de 1.000 empregos só no mes de marzo, ECOURENSE acaba de contratar o pasado sábado a 8 persoas ata o 30 de setembro para “cubrir vacacións”, cando neste momento ningunha persoa da empresa as está disfrutando.
Curiosamente, unha das persoas beneficiadas deste contrato precario, é a filla de Xoan Marcos Pérez Pego, responsábel do sindicato STL, moza que, afortunadamente para ela, non se encontra en situación algunha de risco de exclusión social.
Incúmprese o convenio colectivo. O artigo 33.8 do convenio de ECOURENSE establece: “No caso de que a empresa precise ampliar xornadas por necesidade do servizo, incluso o período vacacional, recorrerase ao persoal de fin de semana, a condición de que cumpran os requisitos esixidos”. Esta cláusula está sendo incumprida reiteradamente co beneplácito do Concello de Ourense, polo que non descartamos acudir aos tribunais de Xustiza, tanto no ámbito do Social, como explorar a vía doutras xurisdicións, dado o papel de cómplice necesario do goberno local.
Esiximos un sistema de contratación con control público. Os feitos que estamos denunciando son graves de por si, faláramos da empresa que faláramos. Pero máis repugnantes son ao tratarse dun Servizo Público, pagado co diñeiro de toda a cidadanía de Ourense. Non se pode desplifarrar o diñeiro público, nin sacar da contratación nunha concesión pública obscenos réditos económicos, políticos e persoais. Por iso esiximos a municipalización do Servizo, ou, no seu defecto, a creación dunha empresa pública para a súa xestión e a implementación dun sistema de contratación transparente e con control municipal.