A Policía autonómica detén a un home en Ourense por quebrantar unha orde de afastamento

Actualmente en Galicia a Policía Autonómica ten asignadas a protección de 252 vítimas de violencia de xénero

Axentes da Policía Autonómica da Xefatura de Ourense detiveron este martes, 5 de maio, a un varón como presunto autor  de quebrantamento da orde de afastamento.

AVANTAR ACTIVIDADES

Axentes do Grupo de Prevención, Asistencia e Protección ás vítimas de violencia de xénero de Ourense, de servizo por motivo dos controis ordinarios establecidos para o cumprimento do Real Decreto 463/2020 do 14 de marzo, procederon á detención dun varón de 62 anos de idade, como presunto autor dun delito de quebrantamento de condena. No mes de febreiro xa fora detido por quebrantar outra orde de afastamento, delito polo que fora condenado a 4 meses de prisión.

Os axentes localizaron ao varón nas inmediacións da vivenda da súa exparella, vítima de violencia de xénero, da cal ten unha orde de afastamento que lle prohibe aproximarse a menos de 300 metros tanto da muller coma do domicilio. 

Durante o Estado de Alarma decretado, recibiuse información de que o home podía estar incumprindo as obrigas que lle había imposto o xuíz, polo que durante varios días estableceuse un dispositivo de vixilancia nas inmediacións do domicilio da vítima, sendo localizado cando se dispoñía a entrar na vivenda, procedendo de inmediato á súa detención por un presunto delito de “quebrantamento de condena” e foi trasladado ás dependencias da Comisaría Provincial da Policía Nacional de Ourense, onde se tramitaron as correspondentes dilixencias, sendo posto a disposición xudicial.

Actualmente a Policía Autonómica ten asignada a protección dun total de 252 vítimas de violencia de xénero.