Hoxe pecha as súas portas o centro loxístico do Pazo de Deportes, que deu apoio a transportistas e persoal esencial na loita contra o COVID-19

Máis de tres mil persoas pasaron por estas instalacións da Deputación de Ourense durante máis dun mes, o tempo que estiveron habilitadas para servizos de hixiene, cátering e descanso, que os usuarios valoraron moi positivamente

Hoxe sábado pecha as súas portas o centro loxístico do Pazo de Deportes “Paco Paz”, que deu apoio durante máis dun mes a transportistas e persoal esencial na loita contra o COVID-19 na provincia de Ourense. #Ante o inminente paso á Fase 1 da desescalada -o vindeiro luns-, estas instalacións deixarán de prestar o servizo que viñeron ofrecendo durante o tempo que estiveron habilitadas para hixiene, cátering e descanso, que os usuarios -máis de tres mil persoas- valoraron moi positivamente.

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, agradece o traballo realizado por todo o persoal da Deputación “que fixo posible reconverter durante estas semanas a maior infraestrutura deportiva da provincia de Ourense en punto de encontro para todas aquelas persoas que tanto deron e seguen dando á nosa sociedade nos ámbitos sanitario, de seguridade, abastecemento e transporte. Para eles e para o persoal esencial nesta crise, o noso máis profundo respecto e agradecemento”, expresa Baltar.

Os usuarios deste servizo valoraron moi positivamente esta medida de apoio que o goberno provincial ha posto en marcha para axudar ao persoal implicado na prestación de servizos esenciais. Trátase dunha acción integrada nas iniciativas que desenvolve a Deputación na súa loita contra a pandemia. Os sectores profesionais que máis utilizaron as instalacións do “Paco Paz” durante máis dun mes foron: Policía Local (21 %), Garda Civil (14 %), sanitarios e persoal de recollida de residuos (12 % cada un), Policía Nacional e Protección Civil (11 % cada un), transportistas (9 %), Policía Autonómica (6 %), e medios de comunicación e bombeiros (4 %).