Plan para reincorporación do persoal na Deputación

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde da Deputación Ourense. Asisten Rosendo Fernández (VidePresidente Deputación Ourense), Plácido Álvarez (VicePresidente Deputación Ourense), Pabloe Pérez Pérez (Deputado Deputación Ourense), Armando Ojea Bouzo (Deputado Deputación Ourense), José Antonio Salgado Cid (Comité de empresa), Ignacio Javier Carbajales Lage (Comité de empresa), Javier Car ballo Otero (Comité de empresa), José Manuel Rodríguez Quiroga (Comité de empresa), Paloma Domínguez Martínez (Xefa Servizo Recurso Humanso da Deputación Ourense), José Luis Suárez Martínez (Xefe Recurso Humanos Deputación Ourense), Ascensión Pérez Sampayo (Xefa Negociado Saude Laboral da Deputación Ourense) e Camilo José Rodríguez Rodríguez (Xefe Gabinete Prevención Riscos Laborais Deputación Ourense).

O Comité de Seguridade e Saúde da Deputación analiza o plan para a reincorporación do persoal aos seus postos de traballo

A reincorporación do persoal será de forma gradual e progresiva, para iso establécese unha proposta de fases cunha etapa preparatoria dunha semana, e outras tres etapas de dúas semanas cada unha

AVANTAR ACTIVIDADES

O Comité de Seguridade e Saúde da Deputación de Ourense reuniuse hoxe, no Salón de Plenos do Pazo Provincial, para analizar o plan e as medidas que implantará a institución para regular a progresiva reincorporación do persoal aos seus postos de traballo. O vicepresidente terceiro da Deputación de Ourense explicou que “o obxectivo é contar cun marco xeral que garanta certa homoxeneidade nos distintos centros de traballo na institución provincial á hora de establecer medidas de carácter preventivo, para evitar os riscos do coronavirus no momento da reincorporación

Neste sentido, Plácido Álvarez sinalou que a reincorporación do persoal aos seus centros de traballo “deberá ser gradual e progresiva, e sempre cumprindo todas as medidas de seguridade e saúde”. Para iso, establécese unha reincorporación por fases, cunha fase preliminar dunha semana e tres fases de dúas semanas cada unha. “Non se trata de fases pechadas porque, de feito, nalgunhas unidades xa se está traballando de maneira presencial desde o primeiro día, como, por exemplo, o servizo de RSU”, dixo o vicepresidente terceiro da Deputación.

A reincorporación deberá ter en conta as necesidades das distintas áreas, servizos e resto de unidades administrativas, así como a existencia de colectivos clasificados como grupos vulnerables para o COVID-19 recollidos polo Ministerio de Sanidade no documento “Información científico-técnica, enfermidade por coronavirus, COVID-19”, ademais dos referenciados noutros protocolos e procedementos ditados polas autoridades competentes. En todo caso, quedarán exceptuados de incorporarse os seguintes colectivos: diabéticos, enfermos pulmonares, persoas en tratamento por cancro, persoas maiores de 60 anos, enfermos cardiovasculares (incluída hipertensión), inmunodeprimidos e embarazadas.

Para este persoal seguirase un procedemento similar ao disposto na Guía de actuación preventiva #ante o coronavirus no ámbito da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG número 74, do 17 de abril) e deberán presentar os informes médicos xustificativos no Servizo de Recursos Humanos e Formación para os efectos de ditar a oportuna resolución no que os exclúa da súa incorporación nestas primeiras fases

Fases
Para o resto do persoal, establécese unha proposta de fases cunha etapa preparatoria dunha semana e outras tres etapas de dúas semanas cada unha. A fase preparatoria vai do 11 ao 17 de maio, nesta etapa inicial cada área, servizo, sección ou unidade administrativa deberá organizar os espazos distribuíndo os postos de traballo, de forma que se manteña sempre a distancia mínima de seguridade entre os postos, de dous metros.

No caso de que esa reordenación non sexa viable, deberase analizar se é posible a dotación de elementos de protección ou mobiliario que impida o contacto coas demais persoas. Ademais, deberá elaborarse unha relación do persoal para a reincorporación nas distintas fases, así como a identificación actualizada de forma de traballo que está a desenvolver ou aínda que se atopa noutra situación.

Na fase 1, que irá do 18 ao 31 de maio, procederase á incorporación de persoas de servizos esenciais que aínda estean pendentes de incorporación, as persoas que non poidan teletraballar polas características do seu labor e os xefes de Áreas e Servizos ou equivalentes. No que se refire a aqueles postos de traballo onde non se poida garantir a distancia de seguridade, planificaranse medidas especiais para evitar a concorrencia dos traballadores nos que se dean estas circunstancias, de forma que se poida empregar o réxime do teletraballo en períodos de tempo alternos entre os traballadores afectados ou programar a redistribución das súas quendas de traballo.
A fase 2 desenvolverase do 1 ao 14 de xuño e neste período de tempo producirase a incorporación de persoas con despacho propio e aquelas que no seu departamento estea garantida unha organización de forma que se poidan manter as distancias de seguridade recomendadas. No caso de que non se poidan garantir as distancias mínimas interpersoais, o responsable do servizo deberá combinar horarios, quendas, teletraballo… para que se cumpra sempre a norma de distancias mínimas de seguridade entre postos.

Por último, será na fase 3, do 15 ao 28 de xuño, cando se incorporen todas as persoas, incluídas as que non teñan asegurada a distancia de seguridade porque se entende que se tomaron as medidas oportunas de recolocación noutras dependencias, colocación de proteccións colectivas como biombos, mobles separadores, etc. Por parte do Gabinete de Prevención de Riscos Laborais colaborarase coas diferentes unidades administrativas para realizar unha comprobación de que, en termos xerais, dáse cumprimento ao disposto no presente protocolo para garantir a distancia persoal entre os empregados nos seus postos de traballo.
En todo caso, poderán seguir prestando o seu traballo en réxime de teletraballo, o persoal que teña ao seu cargo menores ou maiores dependentes e véxase afectado, de ser o caso, polo peche de centros educativos ou de maiores e non sexa compatible a súa situación persoal con medidas especiais de flexibilidade da xornada laboral.