A Deputación de Ourense pon en marcha un “Hospital de emprendedores” para empresas e profesionais afectados polo COVID-19

Manuel Baltar ideou esta iniciativa “para que pequenas empresas e autónomos da provincia que non poden pagar alugueres e que ven perigar a continuidade da súa actividade laboral por mor da crise, poidan dispoñer, sen custo algún e durante tres meses, dun espazo con conexión a Internet e mobiliario básico de oficina, instalado cumprindo a normativa de prevención do COVID-19”, afirma o presidente

A Deputación -pioneira nesta iniciativa- poñerá inicialmente 40 postos de oficina no centro cultural “Marcos Valcárcel” ao dispor de empresas e emprendedores que cumpran os requisitos para acollerse a esta medida

AVANTAR ACTIVIDADES

O operador R encargarase da conexión a Internet de alta velocidade por fibra. Isidro Fernández da Rúa, Director Corporativo Empresas, afirma que esta acción “é un paso máis no compromiso solidario de R coa sociedade e os emprendedores galegos na crise do COVID-19”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, anunciou hoxe unha medida pioneira no ámbito estatal na loita contra a crise económica provocada polo COVID-19: a posta en marcha dun “Hospital de emprendedores”. Trátase de poñer ao dispor de pequenas empresas, emprendedores e profesionais da provincia de Ourense que non poidan facer fronte ao pago de alugueres de locais, e que por iso vexan perigar a continuidade da súa actividade laboral, un espazo para que durante tres meses -xuño, xullo e agosto- poidan desenvolver o seu traballo sen preocuparse polos gastos que lles ocasionaría o aluguer.

AUDIO DE BALTAR

A medida, ideada polo presidente Baltar, entrará en vigor o próximo 1 de xuño e permitirá desde esa data habilitar espazos en salas de exposicións do centro cultural “Marcos Valcárcel” para 40 postos de oficina, cada un dos cales dispoñerá de conexión a Internet e mobiliario básico de oficina, instalado cumprindo a normativa de seguridade e distanciamento social referida á prevención do COVID-19. Así mesmo, a Deputación de Ourense encargarase dos labores de limpeza e desinfección dos postos de traballo e comunicará aos usuarios as medidas hixiénicas e de uso que deberán cumprir durante a súa estancia no recinto.

A Deputación de Ourense está a ultimar a elaboración das bases reguladoras, que serán aprobadas en Xunta de Goberno nos próximos días. A asignación dos correspondentes espazos de traballo realizarase por estrita orde de recepción de solicitudes debidamente complementadas, as cales poderán presentarse presencialmente no Rexistro Xeral da Deputación de Ourense ou de maneira telemática a través da páxina web da institución provincial.

Os horarios de apertura do “Hospital de emprendedores” no centro cultural “Marcos Valcárcel” será de 8.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas de luns a venres, entre o 1 de xuño e o 31 de agosto.

Apoio tecnolóxico de R

O presidente da Deputación de Ourense agradece o apoio tecnolóxico que R dará a esta iniciativa para garantir que a conexión a Internet avanzado de alta velocidade por fibra óptica dos usuarios “realícese coa máxima calidade e efectividade durante o período que permanecerá aberto o “Hospital de emprendedores”, destaca Baltar. Pola súa banda Isidro Fernández da Rúa, director Corporativo Empresas de R e do Grupo Euskaltel, afirma que para R esta acción “é un paso máis no seu compromiso solidario coa sociedade e os emprendedores galegos, que se potenciou necesariamente e seguirá potenciándose na conxuntura extraordinaria da crise sanitaria”.

Manuel Baltar, quen presentou hoxe esta iniciativa na reunión do Comité de seguimento do COVID-19 na provincia de Ourense, afirma que en función da demanda “non se descarta ampliar postos de oficina e mesmo habilitar outras dependencias da Deputación na capital ourensá para tentar paliar na medida das nosas posibilidades os graves efectos que a crise do coronavirus está a provocar nas empresas, os emprendedores e os profesionais da provincia de Ourense”, expresa o presidente.

Para iso, explica, diferentes departamentos da Deputación “traballarán coordinadamente para que os usuarios deste servizo gratuíto poidan dispoñer, desde o punto de vista tecnolóxico e de espazo, das infraestruturas adecuadas para realizar o seu traballo da mellor maneira posible. Sabemos que en situacións de emerxencia calquera axuda é pouca, pero a vontade do goberno provincial é dispoñer todos os medios posibles para tentar neutralizar ao máximo os efectos que o coronavirus provocou na economía ourensá”, afirma Manuel Baltar.