Baltar apela “á cautela e a responsabilidade” nesta nova fase da crise do COVID-19

Nunha mensaxe dirixida á provincia de Ourense, o presidente destaca “o comportamento cívico da poboación” e o labor desenvolvido nestes meses pola Deputación, “a máis social en toda a historia da institución”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, agradeceu, nunha mensaxe dirixida á veciñanza da provincia, o comportamento cívico da poboación e apelou “á cautela e a responsabilidade” nesta nova fase que afrontamos da crise do COVID-19. Tamén remarcou o labor desenvolvido nestes meses pola Deputación, “a máis social en toda a historia da institución provincial”, dixo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Baltar comezou a súa alocución destacando que o pasado 29 de abril “declaramos o loito oficial na provincia de Ourense en homenaxe aos falecidos e as súas familias”. E lembrou ás vítimas en Ourense e en toda España expresando: “A nosa forza con aqueles que están a sufrir a enfermidade para que recuperen canto antes o ben máis prezado: a saúde”.

“Desde onte toda a provincia está xa na fase 1 da desescalada, froito seguro do traballo ben feito do persoal sanitario –este Pazo Provincial segue iluminándose cada noite de verde na súa honra, hoxe de azul, porque é o Día Internacional da Enfermería- e da responsabilidade dos ourensáns, que fomos quen de acatar as normas para evitar a propagación da enfermidade”, sinalou.

Para esta nova etapa pide “máxima responsabilidade de novo e o comportamento cívico exemplar das últimas semanas, extremando todas as preocupacións hixiénicas e respectando a distancia social para seguir avanzando na recuperación da normalidade. Desde o goberno provincial non deixamos de traballar levando a iniciativa e estando á beira da veciñanza”, e enumerou as iniciativas postas en marcha nestas últimas semanas, como o “Comité do día despois” da man do empresariado e dos autónomos da provincia, procurando representar a voz única dun territorio que xa pensou na reactivación económica desde o principio da crise. “Froito deste traballo xurdiron iniciativas como o Plan Reactivamos Ourense con ABANCA, poñendo a disposición de empresas, familias e corporacións locais 25 millóns de euros”.

Tamén lembrou que en abril “aprobamos preto de 11 millóns de euros en axudas a entidades sociais, plans de emprego para concellos, novos plans de servizos sociais reforzando tamén os existentes e axudas para autónomos, pemes e traballadores. Sen dúbida estamos #ante a Deputación máis social da Historia. Axudas directas, compatibles con outras, coa mínima burocracia e inxectando solvencia en todo o territorio provincial”, afirma Baltar.

O presidente da Deputación comenta que a institución provincial “segue adquirindo material sanitario; reparte cultura en forma de libros aos centros hospitalarios e residencias de maiores; executa 12 millóns de euros en obra pública nos 92 concellos da provincia e ten capacidade para inxectar outros 8 millóns de euros en liquidez ás entidades locais para afrontar estes difíciles momentos”.

“Desde esta Deputación conseguimos a gratuidade do aparcamento do Hospital “Santa María Nai” para persoal sanitario e usuarios, e convertemos o Pazo dos Deportes “Paco Paz” nun centro loxístico de asistencia, onde case 3.500 transportistas e persoal esencial durante a crise contaban con aparcamento, zona de descanso, zona para a hixiene persoal, alimentos e desinfección do vehículo. Todo un servizo gratuíto, sufragado por esta Deputación”, destaca.

Entre as medidas novas postas en marcha, Manuel Baltar remarcou a anunciada onte: “A posta en marcha do que denominamos “Hospital de emprendedores”, facendo que o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” acolla a 40 proxectos empresariais de maneira gratuíta durante 3 meses para que sexan viables ofrecéndolles espazo, mobiliario, limpeza e conexión de alta velocidade a internet grazas ao acordo que conseguimos con R- Euskaltel”.

Tamén lembrou que durante estes días tamén seguirá mantendo reunións por videoconferencia con representantes de sectores como o turismo, a cultura, o deporte ou o da agroalimentación. Serán os foros idóneos para que nazan novas iniciativas que supoñan un plus de garantía para a nosa provincia como ese “Ourense, destino seguro”, un distintivo accesible para todos os establecementos abertos ao público nos 92 concellos de Ourense”.

Baltar quixo destacar o seu agradecemento aos empregados públicos provinciais, “pola súa implicación tanto presencialmente como a través do teletraballo”, e fixo fincapé na importancia “de contar cun goberno que lidere e que leve a iniciativa nunha situación tan dramática, nunca antes vivida”, e referíndose á poboación da provincia de Ourense dixo: “Todo o meu ánimo para todos vós, o meu agradecemento polo voso comportamento, e a máxima forza nestes momentos e sempre, para que Ourense, “a patria do corazón” que cantamos no noso himno, recupere o pulso e protagonice todo o positivo que nos está esperando para compartir xuntos”, concluíu.