O PP de Ourense reclama a apertura de máis pasos fronteirizos con Portugal para facilitar o tránsito de traballadores

Os representantes populares por Ourense no Congreso, Ana Vázquez e Celso Delgado, destacan que case dous meses despois do peche, con só nove pasos abertos en España –dous en Galicia- e unha situación epidemiolóxica semellante en ambos os dous países, compre facilitar o transporte de mercadorías e o desprazamento de traballadores con fronteiras máis permeables.

Os representantes populares por Ourense no Congreso, Ana Vázquez e Celso Delgado, reclaman ao Goberno central a apertura de máis pasos fronteirizos con Portugal, á maior brevidade posible, para facilitar o tránsito de traballadores, afectados polo peche da fronteira hispanolusa desde o pasado 17 de marzo como consecuencia da pandemia da Covid-19.

AVANTAR ACTIVIDADES

Nunha pregunta dirixida o Goberno, lembran que desde o inicio da pandemia só quedaron habilitados de norte a sur de España nove pasos fronteirizos para permitir o transporte de mercadorías ou o desprazamento xustificado de traballadores entre ambos os dous países.

En Galicia son dúas as provincias afectadas. Pontevedra, onde só está aberto o paso de Tui-Valença, un dos seis existentes neste territorio. No caso de Ourense -a provincia española con máis quilómetros de fronteira con Portugal (219)- só está aberto o paso de Feces de Abaixo (Verín) con Vila Verde dá Raia (Chaves).

Case dous meses despois a situación de peche persiste, sinalan os deputados, malia que a situación epidemiolóxica da pandemia mellorou notablemente tanto no norte de Pontugal como en Galicia.

Isto implica que por exemplo os veciños portugueses próximos a localidades da Baixa Limia, como Lobios, Entrimo, Lobeira, Bande ou Muiños teñan que dar un gran rodeo para poder entrar por un paso autorizado.

O mesmo sucede con outros concellos ourensáns da Limia como Baltar que linda co luso de Montealegre, así como en Padrenda, Calvos de Randín, Oimbra, Vilardevós, A Mezquita, Riós, A Gudiña e Cualedro, todos eles con pasos fronteirizos –hoxe pechados- cara a Portugal.

Os representantes populares entenden que na situación actual resulta prioritaria a apertura de novos pasos fronteirizos no territorio para a facilitación do tránsito dos traballadores, que deben cruzar cada día a raia para acudir aos seus postos de traballo.

Lembran que xa este pasado sábado o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha videoconferencia co presidente do Goberno referiuse á situación dos pasos transfronteirizos entre Galicia e o norte de Portugal. Neste sentido, e logo de subliñar que tanto a comunidade galega como Portugal contan cunha situación epidemiolóxica moi parecida, avogou por uns pasos transfronteirizos máis permeables.

Procede pois, indican na súa interpelación, que ambos os gobernos de España e Portugal poñan xa data para a reapertura das fronteiras, sempre atendendo aos criterios de saúde pública pero sen esquecer as necesidades do tránsito dos traballadores e mesmo de facilitar o paso de residentes entre concellos fronteirizos.