Regreso ao futuro

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

AVANTAR ACTIVIDADES

Artigo : ” Regreso ao futuro

Unha vez que nos empecemos a desentalar das traxedias vividas entre as mortes da noite e as agonías do día; despois de ser conscientes de non obedecer ao destino que nos tentou coa desesperación e coa capitulación humillante; logo de que a soidade se fixese hóspede na nosa casa, sacrificando todo á eficacia; e con case todas as luces optimistas apagadas, a piques de quedarnos sen pulso, empezamos o camiño de volta cara á Ítaca soñada. Mais Circe prevennos dos perigos que teremos que arrastrar nas nosas singraduras.

A cultura da sospeita nesta pandemia

O filósofo francés Paul Ricoeur cualificou a Marx, Nietzsche e Freud como filósofos da sospeita por desconfiaren dos valores aceptados pola sociedade europea, uns valores herdados da Ilustración, fundamental movemento cultural e intelectual creado no século XVIII. Entre eses valores destacaban a dignidade da persoa -fundamentada por Kant-, o concepto de verdade, o concepto de liberdade, a procura da felicidade, o valor da razón na base do coñecemento, a idea de progreso… Eses tres pensadores do século XIX cuestionaban tales valores pondo en dúbida a persoa como centro axial do pensamento moderno e marcando unha deriva cara ao irracional (Freud), á alienación (Marx) e ao escepticismo (Nietzsche).

            Estes meses que levamos de pandemia son suficientes para poder detectar evidentes indicios dunha cultura da sospeita. A dignidade da persoa viuse losqueada de forma pública por dirixentes dos gobernos austríacos, daneses e holandeses, así como por determinados políticos europeos, algúns deles españois, ao afirmar que a triaxe de pacientes, como protocolo de intervención nas UCIs hospitalarias, tiña que obedecer “ás mellores expectativas de vida, elixindo as persoas máis novas e rexeitando as persoas maiores”. Este criterio de prosdókimobiosia converteuse nun crucial dilema ético para os sanitarios españois, que se convertían así en protagonistas, sen querelo, dunha nova lista de Schindler. Comprobouse que a idade supón un criterio discriminatorio no coidado aos pacientes, ignorando que a idade é unha diferenza biolóxica que non se pode converter nunha desigualdade á hora da atención hospitalaria, como se actuou en certos hospitais deste país.

¿Cal pode ser a razón deste criterio selectivo? Non hai ningunha dúbida: a economía. Kant dixera que todo o que ten prezo carece de dignidade, e o que ten dignidade non ten prezo. “As cousas teñen prezo -dicía Kant- e por iso non teñen dignidade. As persoas teñen dignidade, por iso non teñen prezo”. Pero a cultura da sospeita cambia os termos, outorgándolle prezo á persoa; o prezo forma parte do léxico da economía, non da psicoloxía nin da ética. Implicitamente estase defendendo que hai que salvar as persoas que poden axudar a levantar a economía do país, que son as novas. Constátase desta maneira, con absoluta evidencia, un cambio da ética continental, defensora dos valores da Ilustración, pola ética insular, a anglosaxoa, a ética utilitarista e pragmática. Mais cómpre avisar: o hiperpragmatismo adoita rematar en autodestrución.

            A cultura da sospeita envolve máis sorpresas. A crise da verdade é unha delas. Regresando a Nietzsche, observamos que a verdade forma parte dese catálogo de valores tradicionais que convén eliminar. O concepto de “verdade” fundamenta todo o catálogo de valores que critica Nietzsche, pois representa a súa columna vertebral. Por esa razón, quixo levar a cabo a “transvaloración de todos os valores” para desembocar no nihilismo e, dese modo, valorar e afirmar unicamente a vida “biolóxica”, mergullándose no espírito dionisíaco -desenfreo, sensualidade, pracer- e esquecéndose absolutamente do espírito apolíneo -racionalidade, beleza, orde-. No horizonte dese escepticismo aparece a “vontade de poder”. Non existe a verdade obxectiva; con todo, ao tratar de xustificar as súas teorías para non caer en contradición, Nietzsche mestura e confunde a verdade coa veracidade e a sinceridade. Con esa interpretación súa tan singular, considérase a si mesmo unha persoa verdadeira por ser sincero; pero desa maneira, resulta evidente que queda xustificado calquera tipo de cinismo.

            Actualmente está aberto un gran debate ao redor dos medios de comunicación, das informacións gobernamentais, das declaracións dos políticos e das redes sociais sobre a “verdade”. Aínda que máis que da “verdade” fálase das fake news, dos bulos ou, simplemente, das mentiras. Esta aceptación social da posverdade implica aceptar o criterio da emotividade en detrimento da racionalidade. A solución a este problema epistemolóxico debería acharse nunha análise reflexiva e ben fundamentada sobre cada asunto que nos afecte, pero nunca a través dun Ministerio da verdade, como o que describe George Orwell na súa novela 1984, tratando de nos dar razóns ás veces impresionantes para facernos tragar o que non somos capaces de dixerir.

¿Que podemos aprender desta situación?

 Non hai dúbida que non estabamos preparados para este reto, sumidos na estúpida confianza humana. Pero a expectativa da enfermidade e a morte colócanos de bruzos ante as preguntas fundamentais que adoitamos evitar ou postergar, pondo de manifesto que atribuímos unha importancia excesiva ao noso eu, ao noso egoísmo. Esta situación fainos pensar acerca da forma que temos os humanos de caer na monotonía e na rutina adquirindo un carácter practicamente apático que nos provoca indiferenza, deixando a reflexión e as interrogantes de todo aquilo que facemos ao carón. Mais cando o número de falecidos vai aumentando cada día para incrementar as decenas de miles, un sentimento tan individual como é o da separación dun ser querido convértese de súpeto, mesturado ao medo de ser contaxiados, no sufrimento principal de toda unha sociedade durante este longo exilio. A cidadanía aceptou estar illada do exterior como aceptaría calquera molestia temporal que non afectase máis que a algúns dos seus costumes. Pero de súpeto, conscientes de estar nunha especie de secuestro, sentimos confusamente que esta reclusión ameaza toda a nosa vida. Non soamente nos decatamos de estar ameazada a nosa saúde, senón mesmo o noso futuro laboral e económico.

Pero, para o noso alivio, non debiamos esquecernos de que a confinación é só espacial, non temporal. Non se nos permite ocupar o lugar que nos gustaría, porque o confinamento nos limita a un espazo determinado, o do noso domicilio; pero, en cambio, non se nos limita o tempo, porque ninguén ten capacidade para esa restrición. Cada un de nós é dono do seu tempo, propietario en exclusiva da súa administración, de modo que dispomos dunha magnífica oportunidade para reflexionar sobre o sentido da nosa vida, sobre os valores que deben vertebrar a sociedade e sobre a vulnerabilidade humana. O tempo debemos sentilo en toda a súa lentitude, sen permitir que pase de balde, xa que o tempo perdido é irrecuperable.

Deberiamos aprender a lección de que as peores epidemias non son só biolóxicas, senón morais. Nelas sae á luz o peor da sociedade: insolidariedade, egoísmo, inmaturidade, irracionalidade… Por esa razón detectamos como en certas situacións o soño dos políticos é máis sagrado que a propia vida para os infestados. Pero o máis frecuente nestas situacións é que emerxa o mellor de todos nós: a empatía, a solidariedade, a amizade, a compaixón…

¿Como vai ser o despois?

En situacións de crises como a actual, antes de entrar no tunel no que nos meteu o Covid-19, case ninguén reparaba nas existencias alleas e no sentido da comunidade. Eramos individuos preocupados do noso benestar persoal e familiar procurando acceder á prosperidade material, sen demasiada preocupación por lograr unha sociedade máis xusta, máis solidaria… con máis base moral. Estes últimos sentimentos nacerán das pegadas aniñadas no noso corazón provocadas polos restos do naufraxio que ocasionou en cada un de nós o Covid-19. ¿Canto van durar? Seguramente uns meses, porque seremos conscientes de iniciar unha situación de liberación e non de rebelión. Esta nova situación afectada por sentimentos monótonos iranos preparando, paseniñamente, para regresar á normalidade anterior ao estado de shock pandémico. Pasados eses meses, volveremos a ser o que eramos, porque o coronavirus non modificou a nosa natureza nin transformou os mecanismos neurobiolóxicos que dirixen a nosa vida. Seguiremos dependendo da serotonina, que nos axuda na procura da felicidade; non desaparecerán as endorfinas, que nos liberan da dor e do sufrimento; acompañaranos como sempre a noradrenalina para regular o noso ritmo cardíaco; quizais nos atopemos con baixos niveis de melatonina polos posibles problemas de insomnio destas semanas; e seguro que tampouco emigrará do noso cerebro a dopamina para continuar motivándonos e aprender moitas cousas destas últimas vivencias. Polo tanto, será unha vida normal distinta, xa que os traumas van entrar a formar parte dos nosos curricula psíquicos modificando as nosas condutas; pero tamén nos inmunizarán contra futuros retos parecidos, sobre todo en momentos que vivimos de perigo, aínda que non evocaramos o medo. O que non podemos é vivir unicamente co que saibamos e lembremos, privados do que esperamos. Seguramente esperamos unha vida sen golpes coma estes, pero a nebulosa na que se envolve a orixe deste coronavirus fainos cavilar demasiado. Dinnos que procede da cidade chinesa de Wuhan, a partir dun animal (morcego?) que serviu de transmisor a unha persoa. Pero circulan teorías sobre un laboratorio, en Wuhan, onde se investigan este tipo de virus e ao que se lle asigna a súa orixe. Pode ser un bulo. De non ser así, ¿podía ser un experimento dunha guerra biolóxica? A triste experiencia vivida nestes meses pode servirnos para prepararnos tecnoloxicamente o antes posible contra posibles guerras biolóxicas e investigar desde agora en atopar diferentes vacinas e fármacos contra este tipo de ataques.  

Mentres tanto, pouco a pouco, regresaremos á normalidade instigados por insconscientes mecanismos de defensa contra os recordos angustiosos. E con alta probabilidade, cada un de nós pretenderemos recolocarnos nas nosas circunstancias preconfinatorias. Xa nolo di, cantando, Joan Manuel Serrat en “Fiesta”. Na noite de san Xoán, celebración singular en Barcelona, sae a xente ás prazas e rúas do seu barrio mesturándose sen complexos nos bailes populares, nas competicións lúdicas…compartindo viandas e brindes. E por iso pode sorprender que:

“En la noche de San Juan, / cómo comparten su pan, / su tortilla y su gabán, / gentes de cien mil raleas…

Hoy el noble y el villano, / el prohombre y el gusano, / bailan y se dan la mano, / sin importarles la facha.

Juntos los encuentra el sol, / a la sombra de un farol, / empapados en alcohol, / abrazando a una muchacha”.

Durante esa noite, pois, volatilízanse as clases sociais, ocúltanse as virtudes persoais, esquécense as tristezas e vergoñas, quedan eclipsadas as hostilidades e desafíos veciñais, asoma a afabilidade e a confraternidade… ata que se acaba a festa. Nestes últimos meses, a cidadanía participa nos aplausos diarios desde os seus balcóns e fiestras, saudándose entre si, nunha especie de comuñón fraternal ante o palpitar convulsivo da sociedade, sen marcar ningún tipo de diferenza entre os veciños. É probable que moitos deses veciños nunca se saudaran ao cruzarse. Pero agora, hai unha situación colectiva que serve de unión, como é a festa da noite de san Xoán en Barcelona. ¿E cando se acabe esta situación? Pois daquela,

“con la resaca a cuestas / vuelve el pobre a su pobreza, / vuelve el rico a su riqueza / y el señor cura a sus misas.

Se despertó el bien y el mal, / la pobre vuelve al portal, / la rica vuelve al rosal, / y el avaro a las divisas.

Se acabó,

El sol nos dice que llegó el final / por una noche se olvidó que cada uno es cada cual.

Vamos bajando la cuesta / que arriba en mi calle se acabó la fiesta”.

Pois esa é a conduta do ser humano. Esa é a nosa psicoloxía. En celebracións masivas, especialmente dolorosas, agroman valores solidarios, con frecuencia ausentes na vida persoal. E cada un vai ao seu, á súa normalidade, no ámbito persoal e no social. Con todo, sería unha boa aprendizaxe tentar coidar con maior interese eses valores sociais de empatía, solidariedade, compaixón… Creo que ben merece a pena inténtalo.

—————————————————————————————————-

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

—————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.