A Federación de Comercio considera discriminatoria a disposición do BOE que prohibe ao pequeno comercio realizar rebaixas

A presidenta do colectivo en Ourense mantivo contactos coa dirección xeral de Comercio para trasladar esta preocupación

O pequeno comercio considera como un pau na roda a letra pequena do BOE do pasado sábado na que especifican que non se lles permite realizar rebaixas ou accións comerciais nos establecementos, e si nas páxinas web, algo que desde a Federación de Comercio cualifican de competencia desleal e incoherente.
Aseguran desde o colectivo que se poden cumprir as medidas de seguridade e distancia, con aforo reducido, e levar a cabo ao mesmo tempo descontos ou promocións, atendendo aos clientes coa aplicación estrita da normativa. Os comerciantes consideran que levar a cabo rebaixas ou descontos unicamente na venda online e non no comercio a pé de rúa, prexudica seriamente a un sector que está a tratar de saír dunha crise sen precedentes e que, ademais, aínda está a recibir poucos clientes na súa reapertura.
Beatriz Gómez, presidenta da Federación de Comercio, estableceu xa contactos coa directora xeral de Comercio, Marisol Vázquez, co fin de solicitar o apoio do Goberno autonómico para viabilizar unha modificación en @dicha medida. Na conversación mantida, Vázquez mostrou a preocupación do departamento que dirixe e asegurou á presidenta do gremio comercial que xa están a traballar para matizar esta prohibición que prexudica claramente ao pequeno comercio, ao permitir unicamente as rebaixas por internet. Segundo Vázquez, a dirección xeral de comercio xa contactou co Goberno central para solicitar unha modificación desta letra pequena tan conflitiva do BOE.

AVANTAR ACTIVIDADES