En pleno período COVID-19 crecen en Ourense as empresas e traballadores do sector primario

– O Observatorio Económico Ourensán (OEOu) -iniciativa da Deputación de Ourense para analizar a situación socio-económica da provincia- revela no seu novo estudo sobre o impacto da crise do COVID-19 que neste período creceron o número de empresas e traballadores do sector primario. Neste sentido, o crecemento do número de empresas (+ 3,40 %) e traballadores (+ 1,77 %) no sector primario é unha situación que non se produce nin en Galicia nin en España. Tamén destaca que a evolución de traballadores sexa menos negativa na provincia de Ourense que a rexistrada en Galicia ou España para todos os sectores.

Videoconferencia Manuel Baltar (Presidente Deputación Ourense) co Consello Asesor de Turismo da Provincia de Ouresne.

En canto á evolución do número de empresas, obsérvase que no caso da provincia de Ourense é menos negativa que a de España en todos os sectores; tamén é máis positiva a provincial que a evolución galega en todos os sectores menos no da construción, o sector máis afectado de todos (perde máis do 5% das súas empresas).

AVANTAR ACTIVIDADES

Por outra banda, as estatísticas de empresas inscritas na Seguridade Social mostran que o número total de empresas, no mes de abril, na provincia de Ourense é de 9.258, unha cifra que rexistra 401 menos que antes de iniciarse a crise do COVID-19. Desde febreiro, o saldo entre as empresas creadas e as que pecharon mostra que a provincia perdeu o 4,15% das empresas inscritas na Seguridade Social, e un 4,84 dos traballadores inscritos.

Tanto a porcentaxe de empresas que cesaron a súa actividade como a perda no número de traballadores é menor en Ourense que en Galicia. Respecto de Galicia, Ourense perde oito décimas menos de número de empresas en porcentaxe, e 7 décimas menos en porcentaxe de traballadores. En comparación con España, a perda nacional de empresas é un 2,74% superior á de Ourense, e a perda de traballadores un 0,75% máis alta.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na estratexia que leva a cabo o goberno provincial de seguir desenvolvendo medidas para a recuperación económica, convocará para o 27 de maio unha reunión sectorial do ámbito agroalimentario da provincia de Ourense para analizar a situación actual e as iniciativas que se poden implementar para reforzar a competitividade deste importante sector económico, tras a fase crítica da pandemia do COVID-19, afirma o presidente Baltar.