Día das Letras Galegas, “dano colateral”

Eladino Cabanelas Fernández :

Deseñador gráfico

AVANTAR ACTIVIDADES

Responsábel da marca de deseño galego OZOCOgz

Ex-responsábel d’A Mesa pola Normalización Lingüística O Carballiño / Ribeiro

Artigo : Día das Letras Galegas, “dano colateral”

Como quen non quere a cousa, case sen darnos conta, estamos xa no maio, un mes asociado á plenitude da primavera mais tamén, e sobre todo no mundo estudantil, aos desexos da chegada do verán e das devecidas vacacións. Este lusco-fusco entre unha estación e a outra, entre o fresco ou a choiva propias do abril e a calor do mes do san Xoán reflíctese con profusión no refraneiro: “En maio inda a vella queima o tallo”, “En maio inda bebe o boi no prado”, “No abril di o cuco: vivo; e no maio: revivo” ou, quizais o máis coñecido “Até o corenta de maio non quíte-lo saio”.

No noso País asociámolo tamén á nosa lingua, o 17 é a data na que se exalta o idioma galego a través da homenaxe a un persoeiro das nosas letras. Como é ben sabido celebrouse por primeira vez en 1963, escolléndose a data por coincidir –seica- co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. E digo “seica” porque o certo é que se descoñece a data real da publicación do devandito libro, mais decidiuse escoller este día por a dedicatoria que a nosa poeta fixo, nun exemplar da obra, á tamén escritora Cecilia Böhl de Faber (Fernán Caballero). Curiosamente a relación de Rosalía con Fernán Caballero non debeu ser moi boa, é máis, semella que a autora galega a desprezaba, cousa quizais doada de entender de termos en conta que a andaluza era o polo oposto á nosa Rosalía, ultra-conservadora, fervorosa católica e nacionalista española. Rosalía de Castro, nunha carta a Murguía, chega a chamarlle “plebeya” e a burlarse da súa “respetable edad”. Mais isto é outra historia e xa haberá tempo de falarmos dela noutra ocasión.

Todo isto ven a conto de que en circunstancias  normais, é dicir, de non estarmos imbuídos nesta tolemia na que nos obriga estar o temido e terríbel Covid19, estariamos –uns ou unhas máis que outros ou outras- celebrando como se merece que don Ricardo Carvalho Calero, por fin e despois de tanto tempo reivindicándoo, fose a figura escollida este ano para a súa homenaxe o Día das Letras Galegas. En circunstancia máis normais o/a que máis a/o que menos estariamos lendo, vendo documentarios, asistindo a actos, conferencias e/ou exposicións sobre a vida e a obra do escritor ferrolán. O profesorado estaría nas aulas traballando co alumnado isto mesmo, e outros e outras moitas estarían desexando que chegase a data para gozar dun día feriado, aínda que pensándoo ben, esta ano cae a domingo.

Esta circunstancia que ten a ver coas actividades que durante todo o ano se ían realizar arredor de Carvalho Calero, para algúns, non deixa de ser un “dano colateral” máis (de me permitirdes empregar estes termos tan propios do mundo bélico, e tan usados nesta longa tempada na que constantemente escoitamos e/ou lemos cousas como “guerra contra o coronavirus”, “esta batalla ímola gañar”, “os heroes e heroínas desta guerra”, etc), mais para a nosa lingua é un gran golpe e, quizais se isto se prolonga moito máis no tempo, a perda dunha grandísima oportunidade para transmitir e facer entender, sobre todo ás xeracións máis novas, da importancia da lusofonía para a nosa lingua e da necesaria e urxente reintegración ou cando menos achegamento firme e serio á escrita dos nosos veciños e veciñas do sur. Creo firmemente que só achegándonos á lingua portuguesa poderemos, cando menos, asexar algún tipo de esperanza a medio prazo cara a supervivencia da nosa lingua.

De aí a enorme importancia do coñecemento da obra, traxectoria e pensamento de don Ricardo Carvalho Calero, PERSOEIRO –con maiúsculas- considerado ideólogo do reintegracionismo lingüístico e autor, entre outras moitas obras nos máis variados campos, dunha “Gramática elemental del gallego común” (1966) que foi a primeira ferramenta para o ensino do galego; da “Historia da literatura galega contemporánea”,  monumental obra e contribución imprescindíbel á historiografía da literatura na nosa lingua; ou de “Scórpio”, Premio da Crítica de narrativa galega (1987) e memoria histórica da xeración dos mozos galeguistas, da súa propia xeración, tronzada pola Guerra Civil española.

A RAG pospón o seu pleno extraordinario das Letras Galegas ao vindeiro 31 de outubro pretendendo, segundo esta institución “prolongar a celebración do Ano Carballo Calero ao longo do último cuadrimestre deste 2020, procurando minimizar o impacto desta situación de emerxencia na celebración da gran festa da cultura galega”.  Na miña opinión deberíase adiar esta celebración ao vindeiro 2021, tal e como veñen de solicitar varios colectivos da Galiza lembrando os máis de dez anos de loita por conseguir que o Día das nosas letras se lle concedese a Calero.

Como remate unha suxestión e unha petición para quen estea a ler este artigo. A suxestión, profunda na obra e na biografía de Carvalho Calero, figura imprescindíbel das nosas letras, da nosa cultura, da nosa nación para entender moitas das claves dunha época e, sobre todo, moitos argumentos para entender da importancia do reintegracionismo para a supervivencia do galego. A petición, a que nos fai a Mesa pola Normalización Lingüística, este 17 de maio, pendura a bandeira galega da túa xanela, do teu balcón e celebra deste xeito simbólico o Día das Letras Galegas, que o feito de estarmos confinados non sexa pretexto para non reivindicarmos que temos unha lingua propia da que estarmos orgullosas e orgullosos.

———————————————————————————————————-

Outros artigos de Eladino Cabanelas Fernández :

O “autoodio” do galego