Ricardo Carballo Calero (desde 1981 asinou como Ricardo Carvalho Calero), nado en Ferrol o 30 de outubro de 1910 e finado en Santiago de Compostela o 25 de marzo de 1990, foi un historiador da literatura, crítico literario, filólogo, lingüista e escritor galego.
VIDEO sobre Ricardo Carvalho con narración de Francisco Rodríguez
Foi membro do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista, o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas da Universidade de Santiago de Compostela, numerario da Real Academia Galega e membro de honra da Associaçom Galega da Língua.
Autor dunha extensa obra, está considerado o ideólogo do reintegracionismo lingüístico, postura que defende que a lingua galega é unha variedade da lingua portuguesa ou, no ámbito científico, do galego-portugués.
Empregou os pseudónimos de Eduardo Colmeiro, Erik Larsson, Fernando Cadaval, Ilex, José Loureiro, Leopoldo Calero, Martinho Dumbria, Namiq Ziyá.
Tras cursar os seus primeiros estudos no Colexio Comellas, tendo como titor o escritor Manuel Comellas[23], cursou por libre o bacharelato e trasladouse a Compostela en 1926 para estudar Dereito (licenciouse en 1931) e Filosofía e Letras (licenciado en 1935) e cumprir co servizo militar. Aquí entrou en contacto co galeguismo e cos movementos culturais da época, especialmente co Seminario de Estudos Galegos. Foi este un momento de intensa militancia política de Carballo, integrado no movemento nacionalista e tomando parte no activismo estudantil na Federación Universitaria Escolar, da que chegou a ser presidente. En 1931 participou na creación do Partido Galeguista e contribuíu á redacción dun dos anteproxectos non considerados para o Estatuto da Galicia. En 1933 volveu a Ferrol, gañou a praza de auxiliar administrativo no Concello da cidade e casou con María Ignacia Ramos, licenciada en Historia e compañeira de estudos universitarios.
Nestes anos Carballo Calero contribuíu con numerosas colaboracións ás máis destacadas revistas literarias (A Nosa Terra, Nós, Guión, Galiza, Resol, Universitarios, Papel de Color) e principiou a publicación dos seus libros poéticos, primeiro en español e despois en galego.
Estudou por libre a carreira de Filosofía e Letras, licenciándose en 1936 pola Universidade de Santiago de Compostela, participando ao mesmo tempo activamente no movemento galeguista tanto a nivel local como nacional, sendo nomeado presidente do partido en Ferrol. En abril de 1936 foi elixido compromisario pola provincia da Coruña para a elección do presidente da República dentro da candidatura da Fronte Popular.
VIDEO A Fala… esa Mai
Golpe de estado, defensa da República e cárcere
O golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 sorprendeuno en Madrid no momento en que concorría ás probas para profesor de instituto en Lingua e Literatura Española. Carballo posicionouse no bando republicano, entrando en combate como miliciano no batallón Félix Bárzana da FETE-UGT, o sindicato no que Calero militaba, co grao de tenente e participou na defensa de Madrid. Caeu prendido no fin da guerra, na fronte de Andalucía, e foi condenado en consello de guerra a 12 anos por separatista e recluído no cárcere de Xaén. A etapa de prisión foi aproveitada por Carballo para estudar alemán. A súa novela Scórpio recolle a experiencia vital deses anos, tal como, en certa medida, a comedia A sombra de Orfeo, a peza teatral Os xefes, de 1982 e algúns poemas, como Fugíamos da nossa vila, incluído na colectánea Cantigas de amigo e outros poemas (1980-1985).
En 1941 saíu en liberdade provisional volvendo para Galiza, e regresando á súa cidade natal. Imposibilitado para exercer a función pública, refuxiouse no ensino privado (entre 1950 e 1965 no Colexio Fingoi de Lugo), no que exerceu como “conselleiro delegado”, pois non estaba autorizado para ser director.
Ditadura franquista
Restableceu os contactos cos galeguistas que ficaran no país, moi especialmente con Francisco Fernández del Riego, con quen mantivera correspondencia desde o cárcere. Paralelamente ao seu labor docente, desenvolveu nestes anos un importante traballo investigador —iniciado coa súa tese de doutoramento, “Aportaciones a la literatura gallega contemporánea” (1955, premio extraordinario) — que tivo como froito máis valioso a publicación en 1963 da Historia da literatura galega contemporánea. A proposta de Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas e Xesús Ferro Couselo, ingresou como membro numerario na Real Academia Galega o 17 de maio de 1958, pronunciando o discurso Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía, que foi respondido por Otero Pedrayo. En 1965 autorizóuselle a exercer o ensino público como agregado de instituto no Liceo Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela, ao tempo que comeza a impartir aulas de galego na universidade. En 1968 foi galardoado co Pedrón de Ouro.(Cómpre referencia) Por fin, en 1972 obtivo por oposición a cátedra compostelá de Lingüística e Literatura Galega acabada de crear.
Últimos anos
En Vida Gallega en 1928.
Os estudos de Carballo atinxiron igualmente a lingua. Recollendo a herdanza dos autores do Primeiro Rexurdimento e os traballos do profesor Manuel Rodrigues Lapa, Carballo Calero, preocupado pola coherencia histórico-lingüística do galego a pesar da férrea oposición que encontrou no camiño, mostrouse defensor das teses etimoloxistas que terían continuidade no movemento reintegracionista, feito que lle impelería a asinar como Carvalho Calero pero tamén lle custaría ser marxinado nos últimos anos da súa vida. Así mesmo, desenvolvería un amplo labor como editor dos clásicos.
En 1979 foi nomeado por Alejandrino Fernández Barreiro, responsable do departamento de educación da Xunta Preautonómica, presidente da comisión encargada de establecer unhas normas lingüísticas para o uso administrativo da lingua galega. Xubilouse en 1980 mais mantivo a súa actividade creadora e seguiu colaborando con diversas asociacións, como a Associaçom Galega da Língua (AGAL), de tendencia lusista, e da cal era membro de honra. En 1981 foi nomeado membro da Academia das Ciências de Lisboa.
Fonte de Información : https://gl.wikipedia.org/wiki/Ricardo_Carballo_Calero