Baltar reivindica a Carvalho Calero no Día das Letras Galegas “para que a crise non contaxie á nosa cultura”

O presidente da Deputación afirma que a figura dun dos grandes intelectuais galegos do século XX segue máis viva ca nunca, “en tempos onde o xenuíno acada o valor que merece, neste caso en forma de homenaxe a un dos nosos, Carvalho Calero, caracterizado polo seu compromiso galeguista”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe, no Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Ricardo Carvalho Calero, o referente que supuxo este intelectual galego, “un dos grandes do século XX”, de quen afirma que a súa obra e a súa pegada humana “seguen hoxe máis vivas ca nunca, nuns tempos onde o xenuíno acada o valor que merece, neste caso en forma de homenaxe permanente a un dos nosos, Carvalho Calero, caracterizado polo seu compromiso galeguista”, expresa Baltar.

O presidente do goberno provincial reivindica a Carvalho Calero, a súa faceta como narrador, poeta e dramaturgo, e tamén o seu labor no ámbito da historia literaria galega, campo no que se lle considera fundador da historia da literatura galega contemporánea. “Achegarmos a Carvalho Calero é un exercicio vital para o noso espírito de intelectualidade, e tamén para evitar que esta crise, que tan fondamente golpea á nosa sociedade, contaxie á nosa cultura”, remarca Manuel Baltar, sinalando: “Son tempos de incertezas pero tamén de oportunidades, e a cultura galega, que navegou sempre en mares nada doados, ten en Carvalho Calero un faro no que ben paga a pena fixarse”.

PUBLICIDADE ELECTORAL