O 061 de Galicia asistiu a 38 persoas por 35 accidentes de circulación durante a fin de semana

Desde as 15,00 horas do venres, 15 de maio, ata as 23,59 horas do domingo, 17 de maio, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 45 chamadas por accidentes de tráfico


AVANTAR ACTIVIDADES

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana a 38 persoas debido a 35 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 15 de maio, ata as 23,59 horas do domingo, 17 de maio. Os días que rexistraron máis incidentes foron o venres e o domingo con 12 sinistros de tráfico ambos os dous.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 45 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 35 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 38 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 73% e do 27% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 27% dos atendidos tiña entre 35 e 44 anos.

Por provincias, Pontevedra rexistrou 17 accidentes de tráfico durante os desprazamentos destas datas

ProvinciaAccidentes
A Coruña14
Lugo1
Ourense3
Pontevedra17
Galicia35

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 46. Así, a ambulancia asistencial de soporte vital avanzado asistiu en cinco accidentes de tráfico, o helicóptero medicalizado atendeu nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 34 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en cinco accidentes. As ambulancias convencionais asistiron nun sinistro.

En 31 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en seis ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto.