A Deputación de Ourense impulsa o programa Montaña de solidariedade , para fillos de familias afectadas pola crise do COVID-19

A Deputación de Ourense, en colaboración con MEISA, porá en marcha o programa Montaña de solidariedade , unha iniciativa aprobada hoxe pola xunta de goberno da institución provincial que ten como obxectivo ofrecer a fillos de familias ourensás afectadas pola crise do COVID-19 a posibilidade de gozar gratuitamente dun campamento de verán entre os meses de xullo e agosto na estación de montaña de Manzaneda. A proposta do presidente Manuel Baltar, financiada pola Deputación de Ourense, permitirá que 100 nenos realicen estancias dunha semana, en grupos de 50 cada un, gozando das actividades deportivas, de lecer e natureza que ofrece a estación de montaña, situada nun dos enclaves máis altos de Galicia.

?Desde o inicio da crise marcámonos como única prioridade as persoas -afirma Manuel Baltar-, e dentro dos aspectos sanitarios, sociais e económicos, a infancia ocupa un lugar transversal, e esa é, precisamente, a finalidade deste programa: que os menores, cuxas familias sofren os efectos económicos da pandemia, poidan gozar de vacacións en xullo e agosto a pesar do duro revés económico que puidesen padecer nos seus fogares

AVANTAR ACTIVIDADES

A Deputación de Ourense, que se caracterizou nestes meses por ser a máis social de toda a súa historia, suma ás iniciativas desenvolvidas até agora -en favor do persoal esencial na crise do COVID-19 e ás súas axudas a autónomos, emprendedores, Pemes, comerciantes, maiores e persoas en situación de vulnerabilidade- unha nova medida pioneira dirixida á infancia.

Os campamentos de verán de Montaña de solidariedade realizaranse do 18 ao 25 de xullo e do 25 de xullo ao 1 de agosto. Están dirixidos a nenos pertencentes a familias beneficiarias das axudas do programa ComerciOU da Deputación de Ourense para persoas vulnerables pola crise do COVID-19. A inscrición no programa Montaña de solidariedade realizarase por orde de rexistro de solicitudes, para o que se habilitará un espazo na web: www.depourense.es ou ben poderá facerse de maneira presencial no Rexistro xeral da Deputación de Ourense, unha vez fáganse públicas as bases, até cubrir o total das 100 prazas ofertadas.

Actividades deportivas, de lecer e natureza

Ao longo desas dúas semanas, os participantes contarán coa supervisión permanente de monitores titulados na estación de montaña de Manzaneda, onde realizarán actividades deportivas, de lecer e natureza, contando entre as súas instalacións cun pavillón polideportivo de máis de 1.000 metros cadrados, piscina, rocódromo, pistas de tenis, campo de fútbol, circuíto de karts, rutas de sendeirismo e parque multiaventura. Nas máis de 2.000 hectáreas coas que conta o espazo natural da estación de Manzaneda, os nenos poderán realizar, entre outras actividades paseos dacabalo, tiro con arco, tirolina, xogos de grupo e experiencias de turismo activo.

O programa, cuxo custo será asumido pola Deputación de Ourense, inclúe aloxamento no albergue da estación de Manzaneda, pensión completa, incluída merenda, e paquete de actividades diarias durante o sete días que dure o campamento para cada un dos grupos de 50 nenos, contando con todas as medidas de seguridade. Neste sentido, Oca Manzaneda dispón de protocolos con medidas para a redución de riscos hixiénico-sanitarios fronte ao COVID-19 na prestación dos servizos de aloxamento, restauración e actividades.

Na xunta de goberno de hoxe, ademais desta iniciativa solidaria, tamén se aprobou a resolución do concurso público de subvencións para proxectos empresariais e de autoemprego en concellos rurais de menor poboación, no marco do proxecto EmprendOU, así como diferentes subvencións para os concellos de Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus e Xinzo de Limia, para a realización de obras de infraestruturas e saneamento.