Avelino Muleiro García :
-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos ”
Dedicado ao meu amigo Vipe Aragonés e aos seus antigos compañeiros do C. Salesianos de Ourense
A vida sorprende moitas veces con situacións que non están nos libros ou con fenómenos que os seres humanos non esperan. Pero nesas tesituras resulta imprescindible facerlles fronte de forma intelixente. Un deses fenómenos inesperados é o covid19, que non só revolucionou a sanidade e a economía, senón que sacudiu os alicerces das estruturas sociais que forman parte da nosa cultura e ás que certamente non prestamos demasiada atención nin dedicamos suficientes reflexións. Unha desas estruturas esquecidas é a linguaxe, esa forma natural de comunicarnos e de levar a cabo proxectos comúns. Como seres sociais, a linguaxe serve de nexo entre as persoas, para unirnos e mesmo para separarnos. Xa o dixera Aristóteles: “O por que sexa o home un animal político… é evidente. A natureza non fai nada en balde; agora ben, o ser humano é entre os animais o único que ten palabra”. (A Política, Libro I, I).
Partindo desa premisa, conviría que, nesta situación pandémica, a linguaxe servise para informarnos, para comprendernos, para respectarnos e, sobre todo, para unirnos. En momentos críticos como os actuáis para a política, a linguaxe pode ser unha proposta ética para mitigar certos relatos pendencieiros e insolentes. Adoitamos sinalar a Alemaña como un referente dos éxitos económicos e sanitarios na actual situación de crise, polo que non sería un desatino mirarnos nela, examinar as súas raíces culturais, sobre todo filosóficas, para poder comprender as claves do seu prestixio político no mundo. Figuras como Alberto Magno, Leibniz, Kant, Schelling, Hegel ou Marx consolidaron as bases dunha cultura consistente, amparada e protexida por un cristianismo luterano que implantou na sociedade xermana a ética do deber ou da norma.
Pero outro deses compoñentes exitosos da cultura teutona é o mimo e o respecto pola linguaxe. Ademais do gran proxecto lingüístico-antropolóxico de Guillermo Humboldt, que concebía a linguaxe como instrumento do pensamento, sobresae o filósofo Jürgen Habermas (nado en 1929), que aposta pola “acción comunicativa” para vertebrar a súa “Teoría crítica da modernidade”. Resulta formidable o seu concepto da “racionalidade comunicativa”, que se establece desde as distintas posibilidades de xerar un discurso, establecendo relacións que os actores realizan no mundo a través da acción comunicativa. Baixo esa linguaxe comunicativa está hospedada a realidade das cousas, esa dimensión ontolóxica do mundo que se proxecta sobre o noso pensamento, paraxe no que se xera a fonte da que mana a verdade. Sobre esta tería que se apoiar a explicitación dos conceptos sociolóxicos de acción, de cuxa orientación e xustificación se encarga a ética.
Para poder lograr éxito neste cometido, Habermas propón algúns presupostos necesarios: acción teleolóxica, pola cal os actores levan a cabo un fin elixindo os medios apropiados para aplicalos de maneira adecuada; acción estratéxica, que inclúe as expectativas de decisións doutros axentes no cálculo do éxito. Eu considero que nesta acción a racionalidade debería ser a estratexia para maximizar as nosas metas e satisfacer os nosos intereses, entre os que destacan nestes momentos a nosa propia saúde, o noso benestar, a nosa seguridade… preocupacións todas elas que forman parte do que normalmente chamamos cordura; acción regulada por normas, de conformidade coa cal os membros dun grupo social orientan as súas accións por valores comúns, implicando nesa observancia das normas o cumprimento de expectativas xeneralizadas de comportamento; a acción dramatúrxica, que fai referencia a participantes nunha interacción onde son eles mesmos os que se poñen en escena; e a acción comunicativa, un concepto central nesta teoría, referida á interacción dos actores capaces de desenvolver unha linguaxe na que se establece unha relación interpersoal. Neste último principio, os actores buscan entenderse sobre unha situación de acción para poder coordinar de mutuo acordo os seus plans e as súas accións.
Na acción comunicativa o entendemento lingüístico serve como mecanismo de coordinación da acción porque aparece como medio de entendemento en si mesmo. “Que o entendemento funcione como mecanismo coordinador da acción só pode significar que os participantes na interacción se poñen de acordo acerca da validez que pretenden para as súas emisións ou manifestacións, é dicir, que recoñecen intersubxetivamente as “pretensións de validez” con que se presentan uns fronte a outros” (Habermas). Pero o devandito mecanismo de coordinación soamente ten validez se se axusta aos criterios de verdade, rectitude e veracidade. Se falla algún destes criterios, a comunicación fracasa.
Examinemos baixo estes criterios habermasianos o fenómeno do desescalado no noso país. Desde a fase 0, podemos dicir que se cumpriron por parte do goberno os presupostos da racionalidade comunicativa, baixo os criterios de verdade, rectitude e veracidade? Asumiron os cidadáns a observancia das normas en cumprimento das expectativas de illar o coronavirus? En tempo do confinamento duro, estando totalmente recluídos na casa, a conduta cidadá, salvo casos excepcionais, pode ser cualificada como responsable e modélica, recoñecida así polas autoridades do goberno. Con todo, pode recibir a mesma valoración o comportamento dos cidadáns a partir das fases 1 e 2 da desescalada? Seguimos sendo conscientes do risco que supón un rebrote do Covid-19? Son preguntas, tuneadas pola miña parte, dun certo escepticismo, pois son consciente de que as dúbidas máis radicais adoitan ser pais de grandes coñecementos.
Ao longo dos dous últimos meses, a acción comunicativa do goberno coa sociedade apóiase nun “comité de expertos”, integrado -suponse- entre outros por científicos, técnicos, tecnócratas, médicos, ecólogos, sociólogos, psicólogos e filósofos que todos, probablemente, pretendan lograr acordos desde as discrepancias, convencidos de que ningunha síntese pode prescindir da análise. Eses versados especialistas, axuntando as experiencias propias e os coñecementos xerais para propoñer hipóteses exitosas, representan o cerne da solución da pandemia e o criterio elixido polo goberno para xustificar publicamente as estratexias contra a transmisión do virus. Tamén sabemos que nunha sociedade tecnolóxica a previsión do futuro é un elemento indispensable; e os profetas son os tecnócratas, polo que podemos pensar que estes exercerán un papel importante nas decisións gobernamentais.
Penso que nese comité terían que ser os científicos quen deberían liderar o proxecto, porque son eles, pola súa propia natureza, os investigadores e os encargados de atopar as vacinas e os fármacos para inmunizar e frear a acción letal do virus. Tras eles, estarían os demais. Cada un achegando os seus coñecementos a ese proxecto multidisciplinar creado ad hoc. Todos serán imprescindibles xa que a epidemioloxía se achega a moitas outras disciplinas. Así, a epidemioloxía aproxímase á ecoloxía, por razón de que cada patóxeno forma parte dun ecosistema. Acércase tamén á demografía, á socioloxía, á filosofía, á economía… pois hai enfermidades sociais, despois de recoñecer que as epidemias se difunden rapidamente canto maior sexa a densidade poboacional -analícense neste contexto os casos de Madrid e Barcelona-; ademais, as epidemias soen aparecer cando son peores as condicións hixiénicas e canto máis reducidos son os recursos para poder previr a enfermidade. Nese “comité de expertos” non poden faltar, pois, os ecólogos, virólogos, economistas, inmunólogos, etc. Todos distribuídos baixo o paraugas de dous aspectos da epidemioloxía: a ciencia biosocial, que estuda a incidencia da enfermidade e a súa relación con variables sociolóxicas, como a distribución de ingresos familiares; e a tecnoloxía biosocial, que deseña medios prácticos para impedir ou conter as epidemias, tales como a vacinación, a corentena e a medicina preventiva. A primeira adoita estar en mans de académicos, dispersos en universidades; a segunda, dirixida, frecuentemente, por funcionarios públicos, que se concentran nuns poucos organismos gobernamentais.
Os prognósticos epidemiolóxicos non sempre son exactos, e non só pola escaseza de datos, senón tamén por mutacións dos patóxenos e por erros teóricos, como o uso de probabilidades. Os erros teóricos son de dous tipos: por subestimación do risco dunha epidemia e por sobrestimación. O primeiro provoca catástrofes -como parece ser o caso do coronavirus en España-; o segundo, malgasto -como no caso de certos países e autonomías españolas ao comprar inmensas cantidades de vacinas para a gripe que nunca se utilizaron. Fronte a eses erros habería que pasar o radar da ética para valorar os fallos e as responsabilidades. Por esa razón, tampouco debería faltar nese comité algún filósofo. Moitos crerán que a filosofía xa está ben representada no ministro de sanidade, con mando único do estado de alarma. Porén, ese ministro non é filósofo, é licenciado en filosofía. Ser filósofo non é o mesmo que posuír unha licenciatura ou doutoramento en filosofía, nin sequera é suficiente ser profesor de dita disciplina. Ser filósofo significa buscar a outra fisonomía das cousas, desenmascarar a cara oculta agochada polas certezas. Filosofar é reflexionar sobre o mundo, sobre as cousas e os fenómenos que se achan no mundo -entre as que obviamente está o ser humano- coa finalidade de procurar un coñecemento radical e poder atopar o significado da vida e o sentido a todo o que existe. Encaixarían perfectamente nese comité de expertos filósofos como Emilio Lledó, Adela Cortina, Javier Sádaba, Victoria Camps…
Nese elenco de expertos do Goberno reservo un rol destacado para os médicos, porque a súa vocación non é teorizar, senón actuar, cargar co oneroso peso de atender, escoitar e tratar aos pacientes, sendo fieis ao espírito do xuramento hipocrático de “pasar a súa vida exercendo a profesión con inocencia e pureza, establecendo o réxime dos enfermos da maneira que lles sexa máis proveitosa segundo as súas facultades e o seu entender”. O médico, pola súa profesión, non é un científico, aínda que usa a ciencia, como tamén usa a filosofía sen ser filósofo. Ser científico é utilizar o método científico, que consiste en recoñecer un problema para o que crea hipóteses, as verifica e extrae leis e teorías.
Que é o médico? Ninguén o define mellor que Mario Bunge no seu libro Filosofía para médicos. Pregúntase Bunge se a medicina é “ciencia a secas o aplicada, tecnología, artesanía o servicio”. A resposta é concluínte: “Una visita guiada a un centro médico o facultad de medicina avanzados basta para advertir que en ellos se hace ciencia básica, ciencia aplicada, tecnología, artesanía y servicio. En algunos centros médicos también se cultivan algunas ramas de las humanidades y de las ciencias sociales, en particular bioética, antropología y sociología médicas y medicina forense. Siendo así, la medicina moderna no es una unidisciplina sino una multidisciplina”. Esta visión tan optimista do médico crea esperanza nos pacientes ata o punto de confiarlles nada menos que a súa saúde e a súa vida, xera ilusión na sociedade que goza destes profesionais ao saber que a persoa que lle trata é un psicólogo, un conselleiro, un profesional responsable e un experto en terapia. O médico, di Bunge, “intenta maximizar el bienestar de las personas a su cargo antes que sus propias ganancias”. Estes profesionais foron os que acompañaron e despediron a tantos miles de persoas nos últimos momentos da súa vida en hospitais e residencias, exercendo de familiares, de psicólogos, de conselleiros…de anestesiólogos. Non sei se estarán nese famoso comité de expertos, pero o seu papel nesta pandemia é simplemente colosal. Non só como expertos na enfermidade senón, e sobre todo, como observadores en primeira fila de traxedias e como coidadores imprescindibles. A unha inmensa maioría deses sanitarios seralles imposible esquecer unhas vivencias desta pandemia que nunca quixeran ter engulido, podendo arrogarse como propias aquelas palabras de Gracián: “que cuando los ojos ven lo que nunca vieron, el corazón siente lo que nunca sintió” (Criticón).
—————————————————————————————————-
Outros artigos de Avelino Muleiro
Artigo : ” Regreso ao futuro “
Artigo : ” Parte de guerra ”
Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño ”
—————————————————————————————————–
Curriculum de Avelino Muleiro García
-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.
Obras
Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabra, Encontros coa tradición. Conversas no Ribeiro, Tres Campus, Verbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.