O camiño que pasa á beira da capela do Santiago está cheo dos cascotes e restos da obra.
Ademais dun nulo respecto polo patrimonio cultural transitar polo camiño supón un perigo para as persoas e as vacas do lugar.
O Concello de Piñor asfaltou a semana pasada as rúas do lugar de Cales. As obras están incluídas no plan provincial do ano pasado que financia e adxudica a Deputación Provincial de Ourense.
Visitadas as mesmas puidemos comprobar a desfeita que por mor das obras se fixo nun dos camiños da aldea. Trátase do camiño que pasa á beira da capela do Santiago e que aínda conserva un bo tramo do mesmo empedrado con antigas lousas de granito. A imaxe do mesmo non pode ser máis desoladora, coa tapa dos sumidoiros rota e desprazada, co firme removido polas máquinas, cheo de entullos, de plásticos, de ferranchos e mesmo de algunha que outra pila. A maiores do nulo respecto polo patrimonio municipal, cultural e medioambiental; estase producindo unha situación de risco para o tránsito das persoas e das numerosas vacas que hai no lugar.
Por iso lle esiximos ó alcalde que actúe de xeito inmediato para remediar esa desfeita, retirando todos os cascotes e lixo que hai no camiño e facendo unha intervención axeitada é entorno da capela do Santiago. Agardamos que non se repita o que pasou hai un ano cos cascotes da praza de Freás que apareceron tirados no monte de Cestos, nas inmediacións da nave municipal. Daquela o único que se fixo foi botar terra encima quedando os residuos no mesmo lugar coa conseguinte contaminación do entorno.