A Xunta solicita a case 760 familias da provincia ourensá o seu visto e prace para recibir a bolsa de comedor durante a suspensión das escolas infantís

  • Como único requisito terán que estar ao corrente das súas obrigas tributarias e sociais e dar autorización á Administración autonómica para consultar os seus datos bancarios
  • A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, explica que son beneficiarias desta bonificación familias usuarias das14 escolas infantís de 0-3 anos de titularidade autonómica, nunha praza concertada ou aquelas que perciben o Bono Concilia
  • Este venres remata o prazo de matrícula para o curso 2020/21,  o primeiro completo no que se aplicará a gratuidade para segundos fillos e sucesivos

Ourense, 26 de maio de 2020.- A Xunta solicitou a 758 familias o seu visto e prace para recibir a bolsa de comedor durante a suspensión da actividade desde o 16 de marzo nas escolas infantís por mor da crise sanitaria da covid-19. Fíxoo mediante un correo electrónico no que se lles require como único trámite para percibila estar ao corrente das súa obrigas tributarias e sociais e unha autorización para consultar os datos bancarios.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, explica que son beneficiarias desta bonificación as familias usuarias do servizo de comedor nas 14 escolas infantís de 0-3 anos de titularidade autonómica existentes na provincia ourensá, nunha praza concertada en escolas infantís privadas ou aquelas que perciben unha axuda de comedor  a través do Bono Concilia. A contía concedida é unha compensación pola bonificación que tiñan concedida polo custo diario do menú nos días lectivos que estivo suspendida a actividade nestes centros.

AVANTAR ACTIVIDADES

Esta axuda permitirá ás familias vulnerables que xa viñan desfrutando dunha bonificación no custo de comedor, e da que se ven privadas a raíz da situación de emerxencia sanitaria, manter a correcta alimentación do seu fillo ou filla e evitar que este gasto de alimentación engadido afecte aínda máis a súa situación.

As familias que se beneficiaron dunha bonificación de comedor por ter unha renda mensual inferior aos 403 euros percibirán unha axuda de 2,5 euros ao día. Pola súa banda, as familias que contan con esta bonificación por dispor dunha renda mensual de entre 403 e 672 euros percibirán unha bolsa de 1,5 euros ao día.

O primeiro pagamento será o correspondente aos días lectivos transcorridos ata ese momento. Pode haber pagamentos sucesivos en función dos días que se suspendan en eventuais prórrogas.

Prazo matrícula

Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia mantén aberto ata o vindeiro venres día 29 o prazo de inscrición para o curso 2020/21 nas escolas infantís públicas autonómicas e nas prazas públicas concertadas en escolas infantís de iniciativa privada.

Díaz Mouteira indica que coa apertura do prazo de matrículas, a Xunta procura diminuír a inquedanza das familias sobre o vindeiro curso nas escolas de 0 a 3 anos, á espera de que o Goberno central fixe uns criterios claros sobre os prazos e condicións para a reapertura destes centros.

A presentación das solicitudes debe realizarse preferentemente de maneira telemática a través dos formularios dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia. Con esta medida, trátase de evitar que as familias se teñan que desprazar nesta situación de emerxencia sanitaria.

No vindeiro curso haberá dúas grandes novidades. En primeiro lugar, este será o primeiro curso completo no que se aplique a gratuidade para segundos fillos e sucesivos na atención educativa. En segundo lugar, en cada unha das sete principais cidades de Galicia polo menos unha escola infantil pública autonómica ampliará o seu horario de apertura ata as oito da tarde, co fin de mellorar a conciliación das familias.