Comeza a formación dos 23 coordinadores de prevención designados na provincia de Ourense para a xornada electoral do 12 de xullo

A formación dos 133 coordinadores que traballarán nas catro provincias descentralizouse na cinco delegacións territoriais, e en Santiago de Compostela e Ferrol

Mañá continuará a actividade formativa, que inclúe contidos teóricos e prácticos, como a visita in situ dun local electoral

AVANTAR ACTIVIDADES

A previsión é que a próxima semana visiten todos os locais electorais, 419 na provincia ourensá, para verificar si cumpren con todas as garantías sanitarias establecidas no Protocolo da Xunta

Esta mañá comezou no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta en Ourense a formación de 23 coordinadores de prevención que levarán a cabo as actuacións necesarias para que a xornada electoral do 12 de xullo se desenvolva coas máximas garantías sanitarias nos locais previstos na provincia de Ourense. O resto de profesionais, ata un total de 133, estanse formando na Coruña, Santiago e Ferrol, ademais das delegacións territoriais de Lugo, Pontevedra e Vigo.

A actividade formativa continuará mañá. Inclúe contidos tanto teóricos como prácticos, como a visita in situ a un local electoral para levar á práctica as comprobacións que terán que facer antes das eleccións e tamén durante a propia xornada.

De feito, a semana que vén os representantes da Administración para a coordinación e colaboración na adopción de medidas preventivas fronte á covid-19 despregaranse polo territorio ourensán coa previsión de visitar todos os locais electorais, 419 emprazados nos 92 concellos da provincia ourensá (dos que 84 pertencen ao concello de Ourense), e comprobar que poden cumprir coas condicións establecidas no Protocolo aprobado pola Xunta. No caso de que algún local non as cumpra, buscarase unha nova ubicación.

Todos os profesionais que se ocuparán destas tarefas contan con formación técnica, con titulacións como arquitecto superior ou técnico ou enxeñeiro superior ou técnico, ou con formación suficiente en prevención de riscos laborais. Estarán sometidos á unha dirección única desde a Xunta.

A entidade colaboradora da Seguridade Social Ibermutua Gallega, encargarase tanto desta formación como do asesoramento, dirección e supervisión técnica destes 133 representantes da Administración aos efectos da coordinación e colaboración na adopción de medidas preventivas fronte á covid-19 nos locais electorais.

O Protocolo de medidas de prevención sanitaria para a xornada electoral do 12 de xullo aprobado pola Xunta conta co visto bo de saúde pública e do comité clínico.

Entre outras medidas, establece que será obrigatorio usar máscaras e hixienizar as mans antes de proceder ao voto. A Xunta porá a disposición dos locais electorais o material de protección necesario para poder cumprir estas pautas.

O Protocolo tamén establece que se deberán evitar aglomeracións e respectar as distancias de seguridade dentro dos locais electorais: de dous metros cando sexa posible e, cando non, deberase gardar en todo caso unha distancia dun metro, tendo en conta que todas as persoas estarán usando equipamentos de protección. Nesta mesma liña, tamén se organizará a entrada dos votantes, que deberán acceder por norma xeral de forma individual. Priorizarase a entrada dos maiores de 65 anos ou das persoas con algún tipo de discapacidade.

En todos os locais, colocarase cartelería para facilitar o seguimento das pautas sanitarias, así como para indicar os fluxos de circulación dentro dos locais. Tamén se intensificará a ventilación e as actuacións de limpeza e desinfección, tanto antes como durante a xornada e facendo fincapé nas superficies máis expostas.

Así, as actuacións dos 133 representantes da Administración que se están formando desde hoxe será comprobar previamente que nos locais se poden cumprir as medidas do protocolo: distancias de seguridade ou fluxos de circulación. Tamén farán comprobacións o propio día da xornada electoral, mediante roldas de visitas, para verificar que se están respectando as medidas preventivas.

Todo o custo adicional que suporá a implantación destas medidas (material de protección, limpeza, control dos accesos…) correrá a cargo da Xunta en tanto é a administración organizadora.