O portavoz de turismo no Congreso, Pérez Abellás, destaca que o goberno central apoia ao turismo como actividade económica prioritaria mediante un plan de reactivación

O deputado sinala que con este plan “aseguraremos a recuperación do sector en base aos principios de sustentabilidade socioeconómica e ambiental coas que o Goberno está plenamente comprometido”
“O turismo é un sector de prestixio internacional e de gran capacidade de crear emprego e vaino a seguir sendo co apoio do Goberno de España”, destaca Pérez Abellás

O portavoz do PSOE da Comisión de Turismo no Congreso, Adolfo Pérez Abellás, destaca que “o Goberno central apoia ao turismo como actividade económica prioritaria mediante un plan de reactivación” que porá en marcha antes do 15 de xuño. O deputado ourensán explica que se está a ultimar un plan de “relanzamento do turismo” baseado nunha importante batería de medidas económicas e laborais que se sumarán ás xa aprobadas, así como no “reposicionamento de España como destino seguro e sostible”. “Esta medida demostra que o Goberno non queda en palabras, senón que goberna e iso implica tomar decisións”, advirte.

AVANTAR ACTIVIDADES

Nun artigo que se pode consultar íntegro na páxina web do PSdeG-PSOE de Ourense, o deputado sinala que con este plan “aseguraremos a recuperación do sector en base aos principios de sustentabilidade socioeconómica e sustentabilidade ambiental coas que o Goberno está plenamente comprometido”, antes de aseverar que “o obxectivo é que o sector continúe traballando en dous elementos fundamentais como son a innovación nos destinos turísticos e a dixitalización”.
Entre outras medidas, o plan conlevará unha liña de avais ICO por valor de 2.500 millóns destinados a garantir a liquidez do sector e un investimento directo de 151 millóns de euros para a transformación e dixitalización, que incluirá o reforzo de destinos intelixentes e sostibles. Parte dese investimento irá destinado a programas de formación, capacitación e dixitalización para empresas, negocios e traballadores, con medidas para as empresas e para a protección dos empregados.

Abellás tamén detalla polo miúdo a importante batería de medidas xa adoptadas polo executivo presidido por Pedro Sánchez desde a declaración do estado de alarma o pasado 14 de marzo. Dese plan de choque destaca, entre outras, as iniciativas para garantir a liquidez das empresas do sector turístico e para apoiar o financiamento; o reforzamento e ampliación da liña de financiamento previsto inicialmente para os afectados pola insolvencia do grupo empresarial Thomas Cook aos afectados a polo COVID-19; a liña de avais para empresas e autónomos recollida na Real Decreto-Lei 8/2020; ou o permiso retribuído recuperable para as persoas traballadoras dos servizos non esenciais.


“O Goberno apostou e aposta por unha política de rehabilitación e valorización dos destinos turísticos pioneiros, que axude a manter a competitividade e atractivo baixo unha novo paradigma de sustentabilidade e calidade”, subliña o deputado antes de asegurar que a estratexia “debe ter como base un desenvolvemento sostible que axude a abordar retos como o despoboamento ou o cambio climático”. “Tras esta crise, a estratexia é máis necesaria que nunca e deberá ter en conta o novo contexto tras a pandemia”, advirte. “O turismo é un sector de prestixio internacional e de gran capacidade de crear emprego e vaino a seguir sendo co apoio do Goberno de España”, conclúe.