Plácido Álvarez voceiro do PP : “dá noxo a política carroñenta e miserable do señor Villarino e o PSOE ourensán, embarrando o labor da Deputación en apoio a pemes e autónomos”

O portavoz do grupo provincial popular e vicepresidente terceiro da Deputación pregúntase “como se pode ter unha actitude tan cínica, rastrera de perversa como a que ten esta persoa, porque non se pode cualificar como político, lanzando á opinión pública toda clase de acusacións cando sabe perfectamente que só hai detrás un erro da Secretaría Xeral, perfectamente reflectido nun detallado informe do propio secretario”, que o portavoz socialista ten no seu poder desde onte.

ARQUIVO: Informe Secretaria Xeral

AVANTAR ACTIVIDADES

O portavoz do grupo provincial popular e vicepresidente terceiro da Deputación, Plácido Álvarez Dobaño, ven de afirmar que lle “dá noxo a política carroñenta e miserable do señor Villarino e do PSOE ourensán, mentindo con descaro e embarrando o labor da Deputación de Ourense en apoio a pemes e autónomos”. Álvarez, con toda contundencia, rexeitou así as declaracións do portavoz socialista na Deputación, Rafael Rodríguez Villarino, realizadas esta mañá en rolda de prensa, “ocultando aos medios de comunicación que desde onte mesmo tiña no seu poder un informe do secretario xeral, no que admite un erro da propia Secretaría no tocante aos prazos das axudas”.

Para o portavoz popular, “xa non quedan cualificativos, e nada xenerosos, para definir ao señor Rodríguez Villarino e un xeito de actuar que nada ten que ver coa política, pois todo lle vale, mesmo a mentira e mailo odio, con tal de sementar as dúbidas máis desprezables e infames sobre a nosa xestión”.

Álvarez Dobaño pregúntase “como se pode ter unha actitude tan cínica, rastrera e perversa como a que ten esta persoa, porque non se pode cualificar como político, lanzando á opinión pública toda clase de acusacións cando sabe perfectamente que só hai detrás un erro da Secretaría Xeral, perfectamente reflectido nun detallado informe do propio secretario”.

Un amplo documento de 12 páxinas –achégase copia- no que se explica que a presentación de solicitudes de subvencións para autónomos e pemes da provincia un día antes do inicio do prazo (o día 12 de maio en lugar do día 13) “foi causada por un erro involuntario desta propia Secretaría ao redactar o documento informativo das axudas”. Unha información, engade o secretario no seu informe, “que foi publicada na web da Deputación a última hora da tarde do día 11 de maio”.

Con meridiana claridade, o secretario admite no seu informe que “por conseguinte, a presentación de solicitudes o 12 de maio non obedeceu, dende logo, a un posible suposto de filtración de información privilexiada a determinadas persoas, senón a unha información errónea, pero difundida de forma xeral e dispoñible para calquera interesado a través da web da Deputación”.

O secretario aínda dedica unha páxina máis no seu informe a “descartar calquera prexuízo ao dereito de terceiros” polo feito da presentación de solicitudes un día antes do prazo, no caso das pemes porque as peticións se resolverán de xeito conxuto ao final do proceso, e no caso dos autónomos porque non se esgotou o crédito para esta iniciativa, “sendo ademais agora mesmo previsible (…) que o crédito non se esgote e permita atender a todas e cada unha das solicitudes que cumpran os requisitos”. Por tanto, “o efecto práctico do erro informativo foi nulo”.

Diante dun documento “de tal claridade”, engade o portavoz do grupo provincial popular “resúltame inconcibible como alguén poda ser tan indigno e ruín á hora de representar á sociedade desde un partido político, coa responsabilidade que elo supón, actuando con tanta maldade, e iso non imos toleralo baixo ningún concepto”.

“Esta é a lealdade que exhibe o portavoz da oposición, que defende a capa e espada as decisións do Goberno central, mentres vota en contra dos concellos ourensáns e da decisión unánime da FEMP, pedindo que se garanta a autonomía local para xestionar con independencia os seus recursos, e agora vai contra unha iniciativa de apoio ás pemes e autónomos da provincia”, concluíu Álvarez.