Espazo Común proporá en pleno a creación dunha comisión para traballar na ampliación do chan industrial

Despois de 5 anos de Fumega como alcalde non deu un só paso nunha cuestión dunha enorme importancia para o futuro do Carballiño

Camiñamos cara a tempos complexos no eido económico e aínda está por comprobar a incidencia que a crise que vivimos vai a ter no campo do emprego.

AVANTAR ACTIVIDADES

Por iso resulta fundamental que os concellos coma o noso non deixer escapar unha soa oportunidade de xerar e atraer empresas que poidan garantir estabilidade laboral.

A presencia no polígono de empresas coma GRI, DIZMAR ou SOGAPOL só por poñer algúns exemplos, supoñen un importante osíxeno para a nosa economía.

O problema radica en que a día de hoxe, de chegar algún proxecto deste tipo non tería no Carballiño oco para poder instalarse ante a carencia case que total de chan industrial.

Moito se leva falado, incluso prometido e anunciado por parte do alcalde Fumega sobre a xeración de novos terreos para este fin, pero, para variar, todo era mentira e, a día de hoxe, despois de 5 anos non deu un só paso certo.

Ante este despropósito que perxudica seriamente o futuro da nosa vila, Espazo Común vai propor en pleno a creación dunha comisión nos termos da moción que adxuntamos.

                 Manuel Vázquez Fernández, Adolfo Nogueira Campo e Érika Paz Rodríguez como concelleiros do Grupo Municipal de Espazo Común deste Concello e en base ao disposto nos artigos 91.4 e 97.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das entidades locais e demais normativa que poida resultar de aplicación, presenta, diante do Pleno da Corporación esta MOCIÓN PARA A AMPLIACIÓN DO CHAN EMPRESARIAL DO CARBALLIÑO en base á seguinte

                                               EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A economía atopase nunha encrucillada complexa a tódolos niveis por causa da crise do COVID-19 e as súas consecuencias.

Para que tódolos cidadáns teñan a oportunidade de superalas vai ser fundamental o papel da diferentes administracións en moitas materias pero moi singularmente no emprego.

No Concello do Carballiño a presenza de empresas coma GRI ou Dizmar pode paliar o castigo pero son necesarias máis empresas con gran capacidade de contratación para poder ofrecer máis posibilidades aos que as poideran precisar.

Actualmente contamos cunha barreira insalvable no caso de que se quixeran instalar no noso municipio proxectos desa índole: a ausencia case total de chan industrial.

Despois das contradiccións do equipo de goberno e das moitas informacións confusas ao respecto, a realidade é que nos derradeiros anos non se leva avanzados nada máis alá de titulares e fotos.

Visto todo o anteriormente comentado,

                                                              SOLICITAMOS

  1. A creación dunha comisión de traballo composta polos diferentes grupos municipais, a asociación empresarial do polígono, a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense co obxectivo de optimizar as propostas e axilizar a creación de novo chan industrial.
  2. Que dita comisión designe a un equipo redactor urbanístico, que avalíe as posibles ubicacións dentro do noso concello para que a corporación ou o goberno municipal tome a decisión definitiva.
  3. Esta comisión deberá elaborar un calendario de actuacións realistas, que contemple ubicación, redacción de proxecto, modificacións urbanísticas necesarias, dotación económica, concurso e execución, ca fin de coñecer exactamente cal é o prazo no que o Concello do Carballiño poderá contar con novo chan industrial.

Asinado :

Manuel Vázquez Fernández         Adolfo Nogueira Campo              Érika Paz Rodríguez

.