Felipe Senén Gómez
Artigo : ” Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño ”
Cando falamos de Arqueoloxía enseguida reproducimos a idea dun barbudo catroollos, entoleirado entre libros…e cun sacho a escavar nun furado. Pero hai máis tras dese tópico.
Asentamentos, artefactos, contos, entre outros tipos de documentos son a base pra un estudo arqueolóxico, que pode ser de campo, de gabinete, de laboratorio, de xestión… e non unicamente sobre cuestións da prehistoria, de antigüidade ou do medievo… mesmo tamén do presente. Pode facerse etnoarqueoloxía esto é profundar na orixe e técnicas de aspectos etnográficos, como rescatar memoria dos cordaneiros que se di foron os primeiros en asentarse en Carrás do Carballiño; ou en afondar na feitura das cadeiras de palla dos silleiros de Maside, dos zoqueiros de Partovia, mesmo nos xeitos de elaborar o pan ou as rosquillas e tras disto toda a arquitectura do pan, a que vai das leiras aos hórreos, muíños, fornos e dentro deles as variedades e formas do pan noso de cada día. E si por profundar fora ate mesmo poidéramos facelo arredor da “arqueoloxía do pulpo”… e esoutra arqueoloxía industrial, a dos xeitos de produción fabril, como pode ser a orixe dos serradoiros, curtidoiros, fábricas de papel, de xabón, dos carroceiros, imprenta, chocolateiros… Uns e orixes que caracterizaron a esta solleira vila nacida nunha lomba, rebordechán, aberto ás bocarribeiras, chantada entre o regueiro de Carras polo Este e o Arenteiro polo Oeste. Encrucillada dos camiños que da montaña conducen aos ribeiros e ao mar e que na historia se denominou o Carballiño. Topónimo pese a súa sinxeleza que pode ser cuestionado, mesmo pode ir máis alá da simpleza dun cativo carballo…e como teoriza e lle da voltas meu amigo e matemático César Varela ate poida ter que ver cun carballinneo ou viveiro dos tan necesarios carballos: que son landras pra alimentar os porcos, madeira pra tantas cousas e pros curtidoiros….pero tamén até cun camarallo, cámaraou caseta feita de ramallos pra acollerse os pegureiros ou os camiñantes…
Ben asentaba Cuevillas no “Catálogo dos Castros do Carballiño” que “o carácter dos carballiñeses é alegre e franco. Son simpáticos, xenerosos, gustan de agasallar ao forasteiro e teñen grande apego á fala vernácula”. Grazas mestre pola súa xenerosidade.
Pois velaí xa metidos no crebacabezas dunha historia interminable e sempre revisable, en función da madurez cultural, na Arqueoloxía, que é a ciencia do estudo do pasado, unha fonte da historia obxectiva, tan tinxida de relixión, consumismo e mesmo deses feismos que son efectos da degradación acultural, enxergámolo ben, non so nas arquitecturas chafalleiras, na chambonada, tamén nos comportamentos.
Terras do Carballiño nas miras dos buscatesouros e máis dos arqueólogos
Non son cousas novas estas de furgar nas orixes, mesmo, mediado o século XX, lembramos a aquel popular carballiñés “calzasachos”, escudriñador do libro máxico do Ciprianillo, páxinas e ditos que sitúan “tesouros dos mouros”, pra levalo a esgarabellar na Pena dos Namorados, no Monte de Mesego…servidor tamén repetiu o mesmo nos seus inicios de arqueólogo .Pois tamén os grandes da Arqueoloxía Galega andaron nestas: Cuevillas, Risco, Xocas, Fraguas…moitos deles escollían o Carballiño pra pasar tempadas e de paso ir compondo a prehistoria de Galiza. Desa mesma escola que radicaba en Lousada Diéguez, como no mesmo Castelao e no Seminario de Estudos Galegos saíu o seu alumno, o arqueólogo e historiador da Arte Manuel Chamoso Lamas, natural de Moldes, Boborás… e os novos e máis metódicos arqueólogos, que haber hainos, seguidores dun principio necesario e no que estamos agora: coñecer o antes pra construír o despois, para querer e defender, sabendo que nas orixes radica a orixinalidade dun pobo, o que hoxe mesmo corre o risco de disolverse na globalidade aséptica.
Asuntos que nos meten no estudo, conservación, potenciación e xestión do patrimonio cultural, como recurso turístico, cuestión que atinxe á ciencia da Museoloxía, dos museos.
Terras do Carballiño sobre a que asoman os megálitos da Medela, os petróglifos da Madanela e de Anllo, acubillos de Mesego… o santuario da Pena dos Namorados, da Pena de Queiras ou da Moa, numerosos castros e vestixios romanos no mesmo centro do Carballiño, catalñogados e por catalogar, minas de ouro no Irixo de Madarnás, do Puzo do Lago… e todo un proceso de decantación mineral seguindo o leito do Arenteiro, para ao cabo dos anos daquelas presas facerse aceas pra muíños, serradoiros, fábricas de papel…
Pois a partires de aquí iremos deixando apuntamentos, sempre inacabados iso si, notas sobre o que sabemos por telo andado, escoitado dos devanceiros, por telo lido tamén e coa ansia de que o futuro se abra máis luz. Xa que desfacendo e facendo vaise andando, cousa ben sabida dos arrieiros e feirantes do Carballiño, os que cantaban: ”hoxe nesta feira, mañán noutra feira, así vai indo a vida pasaxeira”, con nós, coa xente viaxan tradicións, xeitos de facer e os acenos, as verbas, o idioma e os ditos pra comunicarse. Cavilar sobre o pasado pra ser.
No 2020 e nun 13 de Xuño, día do San Antonio, de tanta devoción no barrio de Flores….as celebracións dos santiños tamén din moito de quen os honra, diso que pasa trataremos tamén.
—————————————————————————————————
Traxectoria e obras de Felipe Senén
—————————————————————————————————