A Xunta incorpora aos traballos de prevención de incendios forestais a colaboración da Deputación de Ourense

O conselleiro do Medio Rural e o presidente da institución provincial supervisaron hoxe en Avión estes labores, que se van estender a outras zonas da provincia

José González agradeceu a implicación do organismo ourensán e animou ás demais deputacións galegas a seguir o seu exemplo

AVANTAR ACTIVIDADES

Defendeu os beneficios para a seguridade das persoas e dos bens e lembrou que a normativa contempla entre as competencias dos entes provinciais a prevención e extinción de incendios en concellos de menos de 20.000 habitantes

Estes traballos súmanse aos do Plan preventivo da Xunta iniciado o mes pasado, que supón intervir no conxunto de Galicia en 46.000 hectáreas mediante labores silvícolas e nuns 5.800 quilómetros de pistas forestais e outras vías

O conselleiro do Medio Rural, José González, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitaron hoxe os traballos de prevención de incendios forestais nos que colaboran a Xunta e o organismo provincial e que se están a desenvolver no municipio de Avión, para estenderse a continuación a outros puntos da provincia.

Neste caso concreto, por parte de Medio Rural mobilizáronse dous tractores e dúas brigadas de persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios, que tamén están a executar accións de anticipación aos lumes ao abeiro do Plan preventivo iniciado o mes pasado. Só neste concello, a Deputación vai intervir en 92 quilómetros de pistas e en 13 hectáreas de cortalumes. A continuación, acometeranse actuacións semellantes noutras áreas da provincia.

Neste acto, o conselleiro agradeceu a implicación da institución provincial ourensá nestes labores e animou ás demais deputacións galegas a seguir o seu exemplo. Fíxoo tendo en conta os beneficios que este traballo comporta para a seguridade das persoas e dos bens e, ademais, que a normativa reguladora das Bases de Réxime Local contempla, entre as competencias dos organismos provinciais, a prevención e extinción de incendios naqueles concellos de menos de 20.000 habitantes.

Estes traballos entre a Xunta e a Deputación realízanse ao abeiro dun acordo entre ambas partes que facilita que a Deputación realice, co seu propio parque de maquinaria, tarefas de prevención de lumes, tales como áreas de devasa e mantemento de pistas e camiños que atravesen as zonas de actuacións de xestión de biomasa. Uns traballos que guía a Consellería do Medio Rural co obxecto de potenciar a prevención fronte o lume, conforme ás liñas deseñadas no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2020).

Os labores en colaboración prolongaranse ata o vindeiro día 16 de xullo. Neles, a Deputación de Ourense participa con diferentes vehículos pesados, tales como unha pa cargadora, un tractor, dúas motoniveladoras e un camión.

Plan da Xunta

Estas actuacións da Deputación ourensá súmanse e complementan as que está a levar a cabo a Xunta dentro do seu Plan de prevención iniciado en maio. Unha iniciativa que supón o investimento total de 30,5 millóns de euros e que se centra en accións sobre o territorio, consistentes en traballos silvícolas preventivos, na creación e mellora de infraestruturas de defensa e en intervencións de mellora da xestión forestal e das súas producións que redunden nun incremento do valor do monte.

O plan contempla a intervención, no conxunto de Galicia, en preto de 46.000 hectáreas mediante diferentes tipos de traballos silvícolas, a actuación en case 5.800 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación repartidas por toda a comunidade, así como a construción de 121 novos puntos de auga e o mantemento doutros 3.207.

Desta forma, lévanse a cabo labores relacionados coa creación e mellora de devasas e faixas auxiliares, coa mellora e mantemento de pistas no monte ou coa eliminación de residuos forestais. Así mesmo, supervísase o estado dos devanditos puntos de auga e fanse labores de roza mecanizada arrastrada, roza manual e roza mecanizada de brazo.