Ana Pontón compromete un modelo de residencias público capaz de garantir o dereito das persoas maiores a unha vellez digna

Avanza a construción de 7 residencias nas cidades 100% públicas que serán punta de lanza do sistema que o BNG quere para o país fronte ao lucro do modelo do PP

A candidata á Presidencia apelou ao espírito de Verín non se pecha para que  Ourense “deixe atrás dez anos en branco e negro por unha Galiza en cor e con futuro”

AVANTAR ACTIVIDADES

Presas insta á veciñanza a mobilizarse da man do BNG o 12X convencida de que Ourense “será decisiva” para conseguir o cambio galego e derrotar a Feixóo

Ourense,  capital dunha das provincias máis envellecidas do país, foi o escenario elixido pola portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, para explicar o modelo de coidado das persoas maiores que un goberno liderado polo BNG quere poñer en marcha a partido do 12X. Cun obxectivo: garantir o dereito a unha vellez digna fronte e darlle a volta ao  ao modelo privado e mercantilista impulsado polo Goberno do PP, que converteu a vellez nun negocio.

De feito, Pontón destacou que Ourense soportou as consecuencias dese modelo durante a pandemia, con exemplos “durísimos” como na residencia de Celanova, -convertida en zona cero da cara máis dramática da crise-; do centro do Barco, -que mesmo tivo que ser intervida pola Xunta-, ou da residencia A Farixa, aquí na propia cidade.

Por contra, -explicou-, o modelo do BNG  “ten como base garantir o dereito das persoas maiores a unha vellez digna cunha aposta rotunda por un modelo de residencias públicas, tanto na xestión como na titularidade”. Neste sentido, subliñou, “o meu compromiso é a  construción e posta en marcha de sete residencias públicas nas grandes cidades en catro anos, sete centros públicos, con cartos públicos, que serán a punta de lanza dun modelo de xestión pública para o coidado das persoas maiores no que se garanta o dereito a unha vellez digna. Basta de converter a vellez nun negocio lucrativo e pensado como negocio”.

Ademais, dentro do modelo de residencias públicas que propón o BNG: cada centro estará vinculado a unha área sanitaria en caso de necesitar asistencia hospitalaria, contará co suficiente persoal por residente e contarán tamén cos centros de saúde para ter acceso a servizos sanitarios. “Un modelo para que nunca máis, nin ante unha pandemia, nin ante ningunha outra crise, se deixe de lado as persoas maiores”, recalcou. E, tendo en conta que Galiza ten neste momento un sistema de coidados de maiores absolutamente privatizado, Pontón salientou que un goberno liderado polo BNG “será moi estrito á hora de vixiar que se cumpra o ratio de persoal por usuarias”.

Na presentación da candidatura en Ourense, encabezada por Noa Presas, Pontón animou a toda a veciñanza da provincia a mobilizarse para deixar atrás “once anos en branco e negro para dar paso ao cambio galego e abrir un tempo novo dunha Galiza en cor, viva e con futuro”. Neste sentido, mostrouse convencida de que Ourense será decisiva para facer posible un cambio real da man dun Goberno liderado polo Bloque.

Candidatura de excelencia

“Feixóo xa tivo aquí a súa primeira derrota, coa extraordinario mobilización social de Verín non se pecha e o 12 de xullo imos ganar a batalla definitiva nas urnas dando carpetazo a estes dez anos de retroceso, de recortes, de desmantelamento de servizos e de perda de oportunidades para Ourense”, resaltou, “un cambio galego máis necesario ca nunca na Galiza post COVID19”.

Para iso, o BNG conta cunha candidatura de “excelencia” encabeza por Noa Presas, “a voz de Ourense no Parlamento a que se quere sumar a de Iago Tabarés, María González ou  Diego Lourenzo, “homes e mulleres comprometidas, que queren a esta terra, que teñen as man libres para defender os intereses da provincia, que vai ser decisiva na derrota do candidato do PP”.

Pola súa banda, Noa Presas indicou que en Ourense “estamos nun momento clave e as decisións que se tomen van marcar o futuro desta provincia”, e destacando que a candidatura que lidera ten dous obxectivos: “canalizar o apoio de todas as persoas que entenden que Ourense merece máis e abrir unha nova páxina na nosa historia, e mobilizarse sendo conscientes de que é o lugar onde se xoga a maioría absoluta o PP, é aquí onde ten que caer”.

 Emprego e benestar social

Presas indicou que o BNG defende un Ourense “que non se resigna” e, por contra, ten unha veciñanza capaz de organizarse ante o abandono da Xunta, ante o  abandono de familias enteiras e a doentes como aconteceu na residencia San Carlos de Celanova” indicou. Por iso,  desexa recoller todo o apoio “dese Ourense que non se resigna, que protesta nas portas do CHUO, que impide que se peche a sala de partos de Verín, ese Ourense será o que posibilite o cambio galego da man do BNG o vindeiro 12X”, concluíu.

O BNG presenta un programa de goberno que permita facer da provincia un lugar no que vivir e traballar, con benestar social, aproveitando todo o potencial de Ourense.

No plano económico e de creación de emprego: Considerar o medio rural como un sector estratéxico desde o punto de vista económico, social e de preservación do territorio, favorecer unha relación comercial que permita rendas xustas para os produtores con contratos homologados fixando prezos mínimo, defensa dun rural do século XX, que aposte pola I+D+i e pola transformación dos produtos agrogandeiros para xerar valor engadido e máis renda. Igualmente, aposta polo comercio local, afondar no potencial turístico e reforzar o sector vitivinícola, fundamentais  para reactivar a economía da provincia.

No plano dos servizos sociais: reverter os recortes e reforzar os hospitais comarcais e no das infraestruturas, activar esta provincia pasa tamén por darlle unhas comunicacións do século XXI cun servizo de tren moderno con prezos e horarios competitivos.