Aberto o prazo para participar na XXXIX edición do Premio Blanco-Amor de novela longa

O BOP publicou, o pasado 5 de xuño, as bases reguladoras deste certame polo que, desde dita data ata o 14 de setembro de 2020, poden participar nel tódolos autores que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega segundo a normativa oficial.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, lembrou que o Premio Blanco-Amor de novela longa que este ano chega a súa XXXIX edición, é “o premio literario máis antigo, de máis prestixio e de maior dotación económica das letras galegas”.

AVANTAR ACTIVIDADES

O xurado do premio será nomeado pola Deputación de Ourense e a Fundación Eduardo Blanco-Amor, e estará composto por cinco membros de recoñecido prestixio no ámbito da cultura galega. O premio está dotado con 15.000 euros e unha obra escultórica, aínda que se poderá declarar deserto, de non existiren obras de calidade adecuada a xuízo do xurado. 

A entrega do premio terá lugar nun acto literario organizado pola Deputación de Ourense e a Fundación Eduardo Blanco-Amor, o martes 1 de decembro de 2020, corenta e un cabodano do autor de A Esmorga.