O Psedg Psoe de Allariz insta á Xunta a transferir ó concello recursos

O PSdeG-PSOE de Allariz defenderá unha moción no pleno do mércores do Concello para que a corporación municipal inste á Xunta de Galicia a transferir aos 313 concellos de Galicia e á 4 deputacións provinciais recursos a través dun Fondo Extraordinario de Respaldo aos Concellos e Administración Locais para a Reconstrución Social de Galicia pola Covid-19, que acade os 300 millóns de euros e que se distribúa cuns criterios de reparto acordados no seo da FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias). Dende o Grupo Municipal socialista lembran que a Xunta e Feijóo deben asumir “dunha vez por todas as súas responsabilidade e axudar ós municipios”, apunta a voceira Zaida Rodríguez.

Os socialistas lembran que no caso dos concellos, o traballo foi especialmente destacable durante a crise sanitaria provocada pola COVID-19 xa que tal e como apuntan “tiveron que afrontar a xestión a pé de rúa da situación máis complexa á que se enfrontaron nos últimos 40 anos”. Afirman tamén dende o PSdeG en Allariz que “foi nas costas dos concellos nas que recaeu en boa medida a aplicación dos protocolos de seguridade nos espazos públicos, a atención ás persoas máis vulnerables a través dos Servizos Sociais Municipais, o refuxio das sen teito, a atención a autónomos e diversas medidas de axuda e pulo do comercio e a economía local”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dende o Grupo Municipal Socialista consideran que a Xunta de Galicia “non cumpre cos concellos”, posto que o único investimento que ten comprometido cos municipios nos últimos meses é un adianto do Fondo de Cooperación Local. “Feijóo so aportou ideas e ocorrencias absurdas e carece de total credibilidade”, sinala Rodríguez, que tamén apunta que “o único que fixo foi malgastar recursos públicos como co gasto de case 1 millón de euros en envolver máscaras cos logotipos da Xunta para facerllos chegar a parados e xubilados ou o estudo de seroprevalencia duplicado, co que o PP pretendía competir co Ministerio de Sanidade e que tivo que ser abandonado de facto antes de rematarse pola súa escasa fiabilidade”.

A voceira socialista, Zaida Rodríguez, subliña que “é o momento de que Xunta de Galicia asuma a súa responsabilidade e axude aos concellos, que nesta situación, máis do que xa é habitual, están asumindo competencias da Comunidade Autónoma, para non deixar aos seus veciños e veciñas abandonados e, transfira ás entidades locais fondos extraordinarios, incluíndo parte dos recursos que perciba en virtude do sinalado Fondo Especial para a Reconstrución que impulsa o goberno de España”. Así mesmo tamén apunta que “xa vai sendo hora de que Feijóo deixe de confrontar co Goberno do Estado e asuma as súas competencias, cousa que ata o de agora non fixo e son os concellos os que están levando todo o peso de medidas e protocolos ante a inacción do presidente da Xunta de Galicia”.

Destacan tamén dende o Grupo Municipal Socialista de Allariz o traballo levado a cabo dende o Goberno de España, que xa anunciou e aprobou nas últimas semanas diversas medidas de apoio directo e indirecto aos Concellos, como o desbloqueo de 300 millóns de euros do superávit das entidades locais para actuacións de protección e promoción social, que non computará na regra de gasto; superávit e remanentes municipais, retidos pola chamada Lei Montoro do Partido Popular, sobre os que o Goberno está a negociar coa FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias) o xeito de desbloquealos e poñelos a disposicións dos concellos; outros 300 millóns de euros para garantir a asistencia a domicilio das persoas dependentes; 17 millóns, só en Galicia, do Fondo Social Extraordinario para servizos sociais; 1,9 millóns de euros en bolsas comedor para 13.766 nenos e nenas galegos/as.

Tamén sinalan os socialistas os 2.8000 millóns de euros mobilizados polo estado para axudas ás Comunidades Autónomos, os 1.000 millóns aportados polo Ministerio de Sanidade para atender os gastos sanitarios extraordinarios, e, sobre todo, o chamado Fondo Especial para a Reconstrución, que inxectará a fondo perdido 16.000 millóns de euros nos orzamentos da Comunidades “son iniciativas claves coas que o Goberno socialista busca non deixar a ninguén atrás neste proceso de desescalada e regreso a normalidade”, finaliza Zaida Rodríguez.