Baltar, candidato á reelección como presidente de Partenalia

O presidente da rede europea de gobernos locais reforzará as relacións dos gobernos provinciais co Comité das Rexións

Defende, nesta etapa “ poscovid”, fortalecer “unha voz propia” na UE para expor respostas adecuadas con interlocutores directos e implementar así políticas europeas eficaces a nivel local

AVANTAR ACTIVIDADES

Solicitou entrevistarse co presidente do Comité das Rexións, Apostolos Tzitzikostas, para trasladarlle a colaboración desta rede de provincias e unir Partenalia á nova Alianza de Cohesión

.- Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense e da rede europea de gobernos provinciais, Partenalia, marcouse como obxectivo reforzar as relacións dos gobernos provinciais de Europa co Comité das Rexións, nesta nova etapa “ poscovid”, “onde é necesario máis que nunca fortalecer “unha voz propia” na UE para expor, como na actual crise sanitaria e económica, respostas adecuadas con interlocutores directos e implementar así políticas europeas eficaces a nivel local”

Baltar, quen presenta a súa candidatura para a reelección á fronte de Partenalia, solicitou entrevistarse co presidente do Comité das Rexións, Apostolos Tzitzikostas, para trasladarlle a colaboración da rede europea de provincias e unir Partenalia á nova Alianza de Cohesión.

No seu balance destes anos á fronte da rede de gobernos locais intermedios máis importante de Europa, Manuel Baltar destaca que fai seis anos a Deputación de Ourense decidiu apostar pola europeización e a colaboración entre institucións uníndose a esta potente rede. “Durante este tempo reforcei a miña convicción do importante que é ter unha voz propia en Europa, un interlocutor directo coas institucións e unha plataforma coa que establecer sinerxias con outras entidades análogas que perseguen iguais obxectivos e adoecen dos mesmos problemas. Por iso creo que aumentar a cooperación a nivel das autoridades locais intermedias é fundamental para lograr unha maior integración europea, un obxectivo e unha ambición que estiven promovendo activamente a través da iniciativa “Destino Europa”, e que as nosas administracións están perfectamente equipadas para ampliar a solidariedade de facto entre os Estados membros”, afirma.

Baltar expón que Partenalia asuma o liderado na implementación dun proxecto europeo con gobernos locais de varios estados membros. “Para iso solicitaremos fondos da UE, seleccionando a convocatoria máis adecuada a través do Observatorio do Fondo Europeo de Partenalia, unha importante ferramenta que conta co aval dos nosos colaboradores”. E destaca que a fortaleza de Partenalia “reside na suma das nosas experiencias na xestión de fondos da UE e na implementación de proxectos europeos a nivel local; facendo visible o impacto do proxecto europeo nos nosos territorios e reforzando o sentido de pertenza aos cidadáns que representamos”.

Semana Europea das Rexións e as Cidades

Ademais, lembra que Partenalia foi seleccionada para participar na próxima edición da Semana Europea das Rexións e Cidades, que, se o contexto sanitario permíteo, terá lugar en Bruxelas a mediados de outubro; e que grazas a que Partenalia é membro da Confederación Europea dos Poderes Locais Intermedios ( CEPLI), todos os socios terán a oportunidade de participar en setembro ao foro en liña de alto nivel da CEPLI ” COVID-19 e democracia local”, “dedicada a comparar as respostas das autoridades locais intermedias á crise actual coa participación de Comité das Rexións e eurodeputados”, explica Baltar.

Outro dos asuntos que o presidente Baltar prevé impulsar na nova etapa de mandato é a ampliación da asociación a gobernos locais doutros estados membros. “Obter máis diversidade xeográfica reforzará a forza e o alcance da nosa mensaxe, o do papel crucial do noso nivel de goberno para garantir o desenvolvemento equilibrado dos nosos territorios, permitiranos aprender das prácticas exitosas doutras provincias e proporcionaranos a base para formar consorcios á hora de participar a proxectos financiados pola UE”.

Con ese convencemento mantivo contactos con gobernos de Portugal e de Polonia, da man da vicepresidencia da CEPLI e a través do labor de cooperación transfronteiriza favorecida polos programas europeos.

Na axenda de Partenalia figura para as próximas semanas a organización do Consello Político da asociación, que se realizará por videoconferencia, para facer balance económico e de xestión desta rede europea “que ten entre os seus obxectivos futuros seguir poñendo o valor o potencial das provincias e dos territorios rurais de Europa”, afirma Manuel Baltar.

Saúdos,