As asociacións de gaiteiros da provincia apoian a homenaxe mundial do “Gaiteiro da Catedral”

Aurelio Gomez

Os representantes das agrupacións musicais coincidiron en destacar a fortaleza que supón “o carácter popular desta iniciativa, que une a figura musical máis importante de Ourense co acto solidario máis relevante en favor das vítimas do COVID-19”

Na reunión que mantiveron con estes colectivos o asesor de Cultura, Aurelio Gómez Villar, e o responsable de Comunicación da Deputación de Ourense, Fernando Méndez, no centro cultural “Marcos Valcárcel”, os representantes musicais e culturais coincidiron en destacar “a fortaleza coa que nace esta iniciativa polo que supón de carácter popular e achegamento co máis tradicional da nosa música, unindo a figura musical máis importante de Ourense co acto solidario máis relevante en favor das vítimas da pandemia”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Aurelio Gómez Villar agradeceu o apoio amosado por todos os colectivos e dixo que a participación “está aberta a todos os gaiteiros vencellados a agrupacións musicais, culturais e sociais da provincia de Ourense e fóra dela, porque se trata dunha iniciativa solidaria aberta ao mundo”. Neste sentido, Fernando Méndez destacou a importancia de facer partícipes a todos os gaiteiros “dun acontecemento histórico que terá lugar os 365 días do ano e cuxo nobre obxectivo será o de unir música e solidariedade no marco incomparable da Catedral de Ourense e ao redor da nosa figura senlleira: o gaiteiro”.


Entre as propostas por parte das asociación destacaron o feito de abrir a participación aos grupos de gaiteiros da emigración ourensá e galega, pertencentes a colectivos espallados por todo o mundo, e tamén o protagonismo do mozos, combinado coa experiencia dos gaiteiros máis veteranos, para entre todos facer deste evento a manifestación musical máis grande e perdurable no tempo.