Noa Presas : “Hai que superar o monocultivo do turismo vinculado ao Camiño de Santiago”

A formación nacionalista aposta pola revalorización da cultura e o patrimonio ourensán despois de 11 anos de abandono do PP

A cabeza de lista do BNG visita A Gudiña e critica o traslado do albergue de peregrinos á Casa da Viúva equipada para desenvolver actividade socio-cultural

AVANTAR ACTIVIDADES

AUDIO Noa Presas

. A candidata do BNG por Ourense, Noa Presas, visitou o Concello da Gudiña acompañada pola concelleira e candidata da formación nacionalista, Raquel Fernández. Presas convidou a superar o monocultivo do turismo enfocado ao Camiño de Santiago e comprometeuse a apostar pola revalorización do patrimonio ourensá. Asemade, a organización criticou a decisión da Xunta de Galiza por dedicar a Casa da Viúva a ser o albergue de peregrinos.

Noa Presas reivindicou na Gudiña a promoción da cultura e o patrimonio ourensán despois de 11 anos de “monocultivo” do Partido Popular baseado no camiño de Santiago. A última resolución por parte da Xunta de Galiza, apoiada polo goberno municipal, de converter a Casa da Viúva no futuro albergue de peregrinos non é compartida polo BNG. Desde a formación nacionalista insistiron na premisa de que hai lugares máis axeitados “con zonas de descanso, espazos verdes” para asentar o futuro albergue, se o actual fica nalgún momento pequeno para a afluencia dos peregrinantes.

A día de hoxe, a Casa da Viúva conta cunhas instalacións en perfecto estado “con sala de exposicións, sala de lectura e salas para realizar calquera tipo de actividade”. Asemade, constitúe un exemplo de arquitectura popular e é un símbolo histórico na Gudiña por seren a casa do último alcalde da República, Felicísimo Pérez.

A pesares de que o goberno municipal non está dinamizando culturalmente o espazo, a candidata sinalou que o desmantelamento da cultura en Ourense non pode continuar. “Hai que corrixir esta situación de desidia e apostar por un modelo que supere o monocultivo do turismo vinculado ao Camiño de Santiago” continuou explicando Presas, a cabeza de lista do BNG.

Política de promoción cultural da man do BNG

Por outra banda, a cabeza de lista da formación, Noa Presas, expuxo que é fundamental unha nova política de promoción “da nosa cultura e do noso patrimonio”. “Hai camiño en Ourense que merece ser restaurado e que merece ser promocionado pero hai outras cousas máis que son un polo de desenvolvemento económico que non podemos desperdiciar” afirmou Presas.

“A partir do 12X faremos unha promoción do noso turismo e da nosa cultura que aposte tamén pola revalorización do noso patrimonio” indicou a candidata do BNG ademais de sinalar que é “fundamental para un interior que recibiu sempre o abandono por parte do PP da Xunta de Galiza”.