A Federación de Comercio de Ourense rexeita o ataque de Villarino contra as axudas a autónomos e Pemes da Deputación

Beatriz Gómez, presidenta dos comerciantes, trasladoulle a Manuel Baltar o apoio da Federación, “porque fronte ás consecuencias da crise do coronavirus temos que loitar todos unidos e non provocar enfrontamentos que en nada solucionan os problemas dos autónomos”

A presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, trasladoulle ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na reunión que mantiveron no Pazo Provincial, o seu apoio fronte ao que considera “unha actuación rexeitable contra os dereitos dos autónomos e as Pemes da provincia”, do representante socialista na Deputación, Rafael Rodríguez Villarino, pedindo a revisión das axudas que concede a Deputación a estes colectivos laborais afectados pola crise económica do COVID-19.

AVANTAR ACTIVIDADES

A presidenta dos comerciantes rexeita o ataque de Villarino e considera que dubidar da legalidade das axudas pon en perigo as xa cobradas e podería provocar que as restantes axudas, pendentes de percibir, non se cheguen a cobrar, “co dano que isto traería ás xa maltratadas economías dos autónomos”, afirma Beatriz Gómez, e engade que “fronte ás consecuencias da crise do coronavirus temos que loitar todos unidos e non provocar enfrontamentos que en nada solucionan os problemas dos autónomos”.

Beatriz Gómez apela a que se tome conciencia da gravidade da situación “pola que atravesamos os autónomos”, e cita a importancia que este colectivo ten no tecido produtivo da sociedade, con sectores de grande relevancia económica encabezados polo comercio, e seguidos pola construción, agricultura, hostalaría e o transporte. “Todos padecemos o golpe da crise económica, e para algúns o seu proxecto laboral é xa irrecuperable. Por iso, con cousas tan delicadas non se poder facer ningún xogo político, é indigno”, expresa a presidenta da Federación de Comercio de Ourense.  

Estas críticas da máxima responsable dos comerciantes ourensáns únense ás que estes últimos días realizaron a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), Marisol Nóvoa, e o presidente dos autónomos de Ourense, David Martínez, coincidindo todos con Manuel Baltar, quen afirma que “a inconsciente actitude de Rodríguez Villarino pon en risco as axudas económicas para autónomos e Pemes -xa van preto de 3.500 tramitadas-, unha estratexia anti-Ourense que ten como obxectivo espallar un virus maligno na economía de miles de familias ourensáns”, di Baltar, e remarca: “Chegaremos ata onde sexa necesario para seguir defendendo os dereitos dos beneficiarios destas axudas, cos que a Deputación tenta cooperar para botarlles unha man e facerlles menos doloso o tránsito nesta nova normalidade”, subliña o presidente.  

A voz unánime dos comerciantes, os autónomos e a empresa, reforza a defensa da Deputación de Ourense, e demostra, unha vez máis, “que este ataque á economía ourensá, promovido por Villarino coa aquiescencia do subdelegado do Goberno en Ourense, quedará xa por sempre marcado co signo máis negativo na historia económica de Ourense, pois a nosa provincia será a única de España na cal un representante político será lembrado como a persoa que atacou os dereitos económicos de autónomos e Pemes, pedindo que se revisen unhas axudas tirando a pedra e escondendo a man, porque nin sequera foi quen de solicitar por escrito tal reclamación”, expresa Baltar, quen critica tamén ao subdelegado do Goberno en Ourense “por atender tal petición, formulada só oralmente, algo inaudito no mundo do dereito administrativo e tamén no “mundo” do sentido común”.