Apela ao apoio dos cidadáns para rematar xuntos o que queda por facer
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, destacou as actuacións desenvolvidas ao longo destes últimos 11 anos en Ourense, entre as que enumerou as referidas á sanidade, aos servizos sociais ou á mellora dos comunicación e apelou ao apoio dos cidadáns para rematar xuntos o que queda por facer.
O presidente detalla, a través dun vídeo -publicado na súa conta de Twitter as principais actuacións da Xunta nesta urbe. Trátase dunha acción conxunta ao resto das grandes cidades, nas que se fai un repaso polos principais fitos e investimentos desde 2009. A través deste vídeo, preténdese poñer en valor todo o traballo realizado, antes de que a pandemia do Covid-19 viñera a cambiar o escenario de prioridades.
O líder popular ratificou o seu total apoio e compromiso co desenvolvemento da cidade, para seguir a potenciar os seus servizos públicos e garantir máis oportunidades para todos. De feito, a Xunta foi a Administración pública que máis investiu en Ourense, o que supuxo importantes avances ao longo destes anos.
Grazas a este compromiso, segundo explicou o presidente do PPdeG, Ourense ten
un Hospital Público ampliado e renovándose, con novos servizos como a Hemodinámica
funcionando as 24 horas os 365 días do ano, o de resonancia magnética, a nova
unidade de hospitalización de psiquiatría de agudos e o novo aparcadoiro. O
obxectivo agora é licitar o novo edificio de hospitalización o vindeiro ano.
Súmanse a isto as actuacións no ámbito da atención primaria, como o novo centro de saúde do Couto, no que se investiron máis de 3 millóns de euros.
MÁIS PRESTACIÓNS PARA OS MAIORES
Tamén repasou as actuacións levadas a cabo en servizos sociais, como máis garderías públicas, máis axudas a dependentes, ou máis prestacións para os maiores.
O número de prazas en garderías públicas en Ourense duplicouse desde hai unha década, de xeito que a ratio de prazas chega xa o 41 por cento, fronte ao 24 de 2009.
En canto ás prestacións para os maiores, téñense incrementado un 25 por cento as prazas públicas en Ourense desde o 2009, con novas dotacións, como a posta en marcha do Centro Interxeracional da Farixa ou a nova residencia do barrio do Pino, que suporá 120 novas prazas e a creación de 110 empregos.
Así mesmo, o novo centro de atención á discapacidade aumentará nun 35 por centro as prazas públicas.
ACTUACIÓNS EN EDUCACIÓN
O apoio á educación traduciuse en numerosas iniciativas, entre as que figuran o investimento de máis de 11 millóns de euros na ampliación da Escola Oficial de Idiomas, do IES Universidade Laboral e a rehabilitación dos CEIP de Seixalbo e Portovello.
Tamén a rehabilitación integral do IES do Couto, a reforma completa do CEIP Prácticas, xa en marcha; e as previstas de rehabilitación integral dos CEIP Mestre VIDE e Virxe de Covadonga.
Outro dos eixos de actuación nestes anos refírese á aposta pola Formación Profesional, coa ampliación do CIP da Carballeira ou o Centro Galego de Innovación na FP.
Entre as dotacións para a cidade, destacan o novo edificio xudicial, xa rematado, con capacidade para 24 Xulgados e 15 salas de vistas; a Biblioteca Pública “Xeración Nós”; ou a nova pista de atletismo, que é unha das máis grandes de España.
Ademais acometéronse actuacións de reforma da Catedral e un novo albergue de peregrinos no Casco Vello. Outras das accións desenvolvidas foron as rehabilitacións no Casco Histórico e no barrio da Covadonga; xunto coa adecuación das contornas urbanas, para a mellora da praza e alameda de Covadonga, da Alameda da Ponte, e a posta en valor da Ponte Romana.
REFERENTE VITIVINÍCOLA, AGROALIMENTARIO E TURÍSTICO
No eido económico, Ourense é referente en sectores como o vitivinícola, o agroalimentario, a innovación e o turismo. A aposta estratéxica polo novo Campus da Auga supuxo un impulso ao termalismo, un sector de grande interese.
Ourense, afirmou o líder do PPdeG, está agora mellor conectada, e aínda o estará máis cando se remate a conexión do Polígono de San Cibrao ou a estación intermodal que será a entrada do AVE en Galicia.
Cómpre resaltar que a cidade é tamén un exemplo pioneiro de autobús compartido e baixo demanda, que beneficia a preto dun milleiro de familias. A isto engádese a renovación das liñas de autobuses, atendendo á conexión entre a cidade e o Polígono de San Cibrao das Viñas.