Iníciase en Ourense a extracción de plasma con anticorpos fronte á covid

Tras días de estudos e preselección de candidatos por parte do Servizo de Hematoloxía do Hospital Universitario de Ourense, hoxe realizáronse as primeiras extraccións de plasma con anticorpos fronte a coronavirus SARS-CoV-2, de voluntarios que pasaron a enfermidade, no marco do estudo de investigación que desenvolve a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) co obxectivo de coñecer mellor a Covid-19 e abrir  novas vías terapéuticas fronte a pandemia.

Desde o chamamento de voluntarios a pasado mes de maio, máis dun centenar de persoas ofrecéronse a participar doando o seu plasma. Delas un total de 34 foron seleccionadas polo Servizo de Hematoloxía, que realizou unha preselección previa comprobando caso a caso que os ou as doantes reunen os requisitos clínicos do estudo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Entre estes requisitos para a selección é imprescindible que o candidato pasara un mínimo de 14 días desde a súa plena curación, ou de dar negativo nunha PCR, proba diagnóstica que determina a presenza ou eliminación do virus, nas vías respiratorias superiores.  Tamén, ademais doutros requisitos, desde o Servizo de Hematoloxía testouse a presenza de anticorpos en sangue, mediante unha determinación de Ac anti SARS-Cov-19 (anticorpos fronte ao coronavirus) dacordo co protocolo definido pola ADOS.

Trinta e catro voluntarios seleccionados

Os primeiros oito voluntarios seleccionados foron convocados hoxe no local de ADOS no Hospital Universitario de Ourense, onde se lles extraerá plasma, mediante a técnica de aférese, sistema que permite a extracción selectiva dos compoñentes do sangue.

As unidades de plasma obtidas por esta vía serán procesadas pola Axencia, criopreservadas, almacenaranse a -30ºC, o que permitirá alongar a súa vida útil para investigación ou terapia de ata dous anos. Asemade, o plasma de cada doante valídase e etiquétase, atendendo a uns estritos estándares de calidade marcados polo Comité de Seguridade Transfusional do Ministerio de Sanidad, e o seu uso será exclusivamente para investigación da COVID-19.