Presentación do programa da MIT 2020. A ceo aberto: liberdade, creatividade e diversidade.

A estrea de Teatro en Vilo, o apoio á danza, o multipremiado espectáculo catalán Rebota Rebota y en tu cara explota, a coprodución con Antón Reixa, a retrospectiva en torno ó dramatugo e director Pablo Remón e a creación contemporánea centran unha MIT con reforzo de espectáculos gratuítos de rúa e o 70% galegos.

            O Conxunto Monumental de Santo Domingo, fronte ao Castelo dos Sarmiento, ao aire libre, foi o lugar elixido para a presentación do programa desta 36ª edición da MIT. O acto contou con representantes de todas as institucións implicadas co festival: Goberno de España, Xunta de Galicia, Deputación de Ourense e o propio Concello de Ribadavia.

AVANTAR ACTIVIDADES

            Vinte e catro representacións, estreas, coproducións, presentacións, talleres, todo ao aire libre. Alameda, Praza da Igrexa de San Xoán, Igrexa de Sampaio, Praza do Cruceiriño de Francelos, A Picuxa, San Cristovo, Santo André, Praza da Madalena, Praza Maior. Ribadavia enteira, aberta á recuperación cultural e económica, ao turismo sostible, á responsabilidade sanitaria e ao compromiso co público e co noso tecido cultural.

            Unha MIT que será recordada e que se sumará á longa historia e retos do festival e que centra os seus esforzos, especialmente neste momento, no apoio á creación contemporánea, diversa e paritaria. A 36ª MIT contará coa estrea en Galicia de grandes espectáculos coma o multipremiado Rebota, rebota y en tu cara explota de Agnés Mateus e Quim Tarrida (Premio da Crítica 2017 ao Mellor Espectáculo de Novas Tendencias, Premio FAD Sebastià Gasch Aplauso 2018 ou Premio Butaca 2018 ás Novas Aportacións Escénicas), un espectáculo contundente e necesario sobre a violencia machista e realizado por un dos colectivos de maior calidade escénico de todo o estado neste momento. Ademais, a MIT concentra no escenario do Castelo, esta edición, os espectáculos con máis candidaturas nos Premios do teatro galego, os María Casares de Teatro (Liberto, con sete candidaturas e Fariña, con cinco). Como indica o seu director, Roberto Pascual, “tamén quixemos operar estratexicamente para dar musculatura a grandes proxectos de compañías nacionais canceladas ou aprazadas pola pandemia, como pode ser a estrea de Hoy puede ser mi gran noche, de Teatro en Vilo (Premio Ojo Crítico de RNE) ou a versión libre, musical e visual de Romeo e Xulieta que nos presentará Elefante elegante (María Torres e Gonçalo Guerreiro) con Dreaming Juliet.”

Incidindo na creación actual, a MIT quere poñer de relevo a forza da dramaturxia contemporánea, con espectáculos que así o demostran e que serven de retrospectiva a nomes aínda pouco coñecidos en Galicia coma Pablo Remón (dobremente presente na MIT 2020, coa versión libre de Doña Rosita anotada, a partir do texto de Lorca). Tamén destaca a presenza dos creadores Azkona&Toloza, unha parella de artistas dedicada á creación de proxectos de artes vivas e formada en 2015 pola coreógrafa navarra Laida Azkona e o videoartista atacameño Txalo Toloza-Fernández, que centraron o seu traballo na utilización das linguaxes artísticas contemporáneas como unha ferramenta válida para a investigación documental. Ademais de levar a cabo os seus propios proxectos en parella ou por solitario, Azkona&Toloza colaboraron, entre otros, coa performer Sonia Gómez, o director de escena Roger Bernat ou a compañía de teatro documental mexicana Lagartijas Tiradas al Sol. Presentan na MIT a impactante e fermosa peza visual e documental Tierras del Sud. Pola súa parte, a compañía de Andrea Jimérez e da ourensá Noemi Rodríguez, presentarán a fascinante historia dun cantante de orquestra na Galicia dos 90 e as súas fillas, cuxa máxima aspiración é ser coma seu pai. Unha historia emocionante, un relato desgarrador onde Teatro En Vilo volve a desatar toda a elocuencia da súa poética teatral, a irreverencia, a tenrura e o humor para achegarnos  á batalla dunha muller que se debate entre o extraordinario e o ordinario, a fazaña e a derrota, o deber ser e a felicidade verdadeira.

            A nivel de xéneros escénicos, esta será unha MIT que porá o foco na narración oral e na danza. Grandes nomes da narración oral galega coma Paula Carballeira, Quico Cadaval, Pedro Brandariz, Isabel Risco, Celso Sanmartín, José Luis Gutiérrez “Guti” ou Fran Rei farán da MIT un escenario único e en contextos de representación únicos, no balcón sobre o río Miño de Sampaio ou nas fermosas prazas da xudaría de Ribadavia. A MIT tamén enfía grandes nomes da danza contemporánea no seu programa desta edición. Como explicou o director da MIT, “a linguaxe coreográfica ofreceranos dende a visión da migración coa compañía de Kirenia Martínez Acosta, a beleza do ámbito agrícola con Nova Galega de Danza acompañada co directo de Rosa Cedrón, os novos valores con Pálido Domingo, a paternidade e as novas masculinidades de Pink Unicorns de La Macana, pero tamén a calidade coreográfica en pezas non excluivamente danzadas coma o traballo de Rut Balvís en Liberto, o da coreógrafa Laida Azkona en Tierras del Sud, o de Amaya Galeote en Hoy puede ser mi gran noche, etc. Traballos ás veces invisibles pero que están aí fortalencendo a estrutura de comedias, dramas actuais ou pezas híbridas de gran calidade.” Igulmente, a MIT refrenda a súa aposta, por segundo ano consecutivo, polas Residencias Paraíso, en colaboración co colectivo RPM e que este mes de xullo de 2020 acollerá á artista Laila Tafur na Igrexa da Madalena.

            Dentro do apartado de coproducións, a MIT presentará o espectáculo Melancoholemia, escrito por Antón Reixa, que estará en escena con Pedro Brandariz, dirixidos polo vasco Fernando Bernués, de Tanttaka Teatro. Igualmente, xestando xa proxectos de futuro, a MIT organiza un taller de varios días con Voadora, con quen coproducimos un espectáculo a partir de Otelo de Shakespeare e que se poderá ver na MIT de 2021. O taller atende ás circunstancias e á vontade de abrir e facilitar a realización da actividade formativa a calquera persoa, independentemente da súa experiencia artística e de xeito gratuíto.

            Os encontros co público e actividades de mediación seguirán evolucionando na MIT, que de xeito pioneiro puxo en marcha hai anos os foros e obradoiros do espectador. Nesta ocasión, a MIT contará coa Revista Galega de Teatro para celebrar un encontro arredor do teatro documento e a presentación do seu número 99, que conta coa edición do texto Resaca, creación colectiva de Il Maquinario, con dramaturxia de Tito Asorey e Ana Carreira.

            Outra das liñas desta edición, que este ano se ve fortalecida de xeito significativo é o programa Ruadavia. Todos os días do festival haberá, como mínimo, un espectáculo gratuíto na rúa, con asento preasignado e baixo recollida de convite, tal e como estipula a normativa vixente en materia de prevención sanitaria contra a COVID-19. Artes de circo, danza, teatro de obxectos, narración oral encherán de actividades a capital do teatro de Galicia. Nun destes espazos, na Alameda, presentarase o traballo do franco-arxentino Nicanor de Elia, con artistas que traballan unha técnica que mestura malabares e técnicas deportivas e dancísticas. Será un dos escasos faros que alumbren o espírito internacional da MIT, con artistas procedentes de Brasil, Uruguai, Arxentina e Francia, todos eles residentes en Europa. Un faro simbólico co cal a MIT non quere perder o rumbo en proxectos de futuro e que este ano se viron imposibilitados polas dificultades da mobilidade causadas pola pandemia e a concentración posicionada en case o 70% da creación galega. En circunstancias normais, a MIT presentaría esta edición tamén a Peeping Tom, a Los Colochos ou Dragón, a última peza do chileno Guillermo Calderón, pero o futuro volverá darnos oportunidades para seguir dialogando coa escena internacional co nivel que xa é habitual neste festival.

            Como peche do festival, debemos falar dunha xornada, a do día 27, adicada en exclusiva á dramaturxia galega con motivo da 15ª edición do Premio Abrente. Ademais de coñecer os premios desta edición, se día haberá un encontro dinamizado pola Asociación DramaturGA, coa que a MIT emprenderá futuras colaboracións para seguir visibilizando e apoiando a innovación da escrita teatral galega actual.

            Ademais da oferta de espectáculos, a MIT ten unha ampla gama de atividades paralelas, algunhas delas novas esta edición, para seguir explorando en posibilidades arredor do teatro. Caben destacar as sesións vermú, coa presentación de libros, e o concurso “A miña primeira MIT”. Con este concurso o festival quere atender especificamente ao  público adolescente, nunha convocatoria que combina teatro e xornalismo. Unha iniciativa destinada a poñer en valor e dinamizar a expresión e as capacidades creativas do público novo.

            Dentro das actividades paralelas tamén, Tito Asorey e Ana Carreira falarán das relacións entre ficción e realidade no novo teatro documento. Un foro de reflexión con motivo da edición do texto Resaca, levado a escena pola compañía Il Maquinario no nº 99 da Revista Galega de Teatro. Aquel espectáculo presentábanos unha ficción baixo a apariencia dunha realidade ou con elementos da historia e da propia actualidade política. Na MIT levamos varias edicións presentando pezas que abordan esta tendencia en colectivos escénicos de todo o mundo, dende aquela Clean City realizada polas propias mulleres migrantes da limpeza en Grecia e dirixidas por Anestis Azas e Prodromos Tninokoris da man do colectivo almán Rimini Protokoll, ata Curva España (coprodución da MIT con Chévere). Ou este ano de xeito significativo Tierras del Sud e Sueños y visiones de Rodrigo Rato, por poñer algúns exemplos. A modificación do canon, dos preconceptos e ideas de interpretación asentadas de xeito maioritario no público (parece que non están actuando, pode dicir alguén) ata a utilización paródica ou fabulada de feitos reais que poden provocar debate en torno a preceptos morais como a fidelidade, o respecto ou o engano, son cuestións de moito interese para a arte, pois as finalidades de calquera ámbito creativo non son as mesmas cás finalidades do xornalismo, da xustiza, da Historia ou da política, aínda que a arte beba de todas elas. Este será un encontro moi interesante para achegarnos dun xeito moito máis crítico e informado, da man de quen indagou moito neste ámbito, a unha tendencia moi relevante, rica e transformadora que sempre nos pode sorprender.

A partir do 25 de xuño se poranse á venda os abonos tanto na Casa da Cultura coma na sede do festival e desde o 6 de xullo estarán á venda todas as entradas en ataquilla.com ou na propia oficina da MIT: Rúa García Penedo, 3 (Tel. 988472056 e 988471900) Ribadavia (Ourense).

PROGRAMA 36ª MIT RIBADAVIA 2020

17-27 XULLO

Día 17 // VENRES

20:00 Inauguración oficial da MIT 2019. Praza da Madalena.

20:45 Entrega do Premio de Honra “Roberto Vidal Bolaño” ao mérito nas artes escénicas.

21:00 – Alameda (Ruadavia) – Emigrantas – cia. Kirenia Martínez Acosta – Galicia.

23:00 – Auditorio do Castelo – Dreaming Juliet – Elefante elegante  – Galicia.

Día 18 // SÁBADO

13:00 – Praza da Igrexa de San Xoán – Non hai que ser unha casa para ter pantasmas – cía. Pálido Domingo – Galicia.

20:00 – Praza da Madalena – Non hai que ser unha casa para ter pantasmas – cía. Pálido Domingo – Galicia.

21:00 –  Alameda (Ruadavia) – La madeja –  Irene de Paz – Andalucía.

23:00 – Auditorio do Castelo – Fariña – Ainé Producións – Galicia.

Día 19 // DOMINGO

13:00 – Sesión vermú. Presentación do libro Asfixia. Entrada Oficina de Turismo, Praza Maior.

20:00 – Praza de Igrexa de San Xoán (Ruadavia) – Tres vellas (polo menos) – Celso Sanmartín, José Luis Gutiérrez “Guti” e Quico Cadaval – Galicia.

23:00 – Auditorio do Castelo – Rebota Rebota y en tu cara explota – Agnés Mateus e Quim Tarrida – Cataluña.

Día 20 // LUNS

20:00 – Sampaio– Papar sen cancelas – Culturactiva – Galicia.  (Programa SputMIT – satélites da MIT).

23:00 – Auditorio do Castelo – Hoy puede ser mi gran noche – Teatro en Vilo – Madrid.

Día 21 // MARTES

20:00 – Francelos – – Xampatito Pato – Galicia. (Programa SputMIT – satélites da MIT).

21:00 – Foro MIT: Teatro documento, realidade e ficción. Entrada Oficina de Turismo, Praza Maior.

23:00 – Auditorio do Castelo – Liberto – Marelas Teatro – Galicia.

Día 22 // MÉRCORES

20:00 – San Cristovo – – Xampatito Pato – Galicia. (Programa SputMIT – satélites da MIT).

21:00 – Igrexa da Madalena – Residencia Paraíso. Encontro aberto na Praza.

23:00 – Auditorio do Castelo – O mel non caduca – Ibuprofeno – Galicia.

Día 23 // XOVES

20:00 – Santo André– Contos de dragóns e leóns – Paula Carballeira – Galicia.  (Programa SputMIT – satélites da MIT).

23:00 – Auditorio do Castelo – Leira – Nova Galega de Danza – Galicia.

Día 24 // VENRES

20:30 – Alameda (Ruadavia) – Copyleft –  Nicanor de Elia – Francia + Arxentina.

23:00 –  Auditorio do Castelo – Tierras del Sud – Azkona&Toloza – Cataluña + Chile.

Día 25 // SÁBADO

13:00 – Sesión vermú. Presentación do libro Melancoholemia. Entrada Oficina de Turismo, Praza Maior.

20:30 – Alameda (Ruadavia) – Pink Unicorns – La Macana – Galicia.

23:00 – Auditorio do Castelo – Doña Rosita anotada – Pablo Remón / Comunidad de Madrid e Buxman Producciones coa colaboración de La Abducción – Madrid.

1:00 – A Picuxa – Melancoholemia – Antón Reixa – Galicia.

Día 26 // DOMINGO

13:00 – Sesión vermú. Presentación de Mundoescenico.gal. Entrada Oficina de Turismo, Praza Maior.

20:30 – Alameda (Ruadavia) – Distans – Vol’e Temps – Andalucía.

23:00 – Auditorio do Catelo – Sueños y visiones de Rodrigo Rato – Buxman e Teatro Kamikaze – Madrid.

Día 27 // LUNS

12:00 – Resolución XV Premio Abrente e comunicación do Premio do Público.

Páxina web: www.mitribadavia.gal

Tamén nas redes sociais da MIT:

@MITRibadavia

Facebook // Twitter // Instagram

email: info@mitribadavia.com

direccion@mitribadavia.com