A MIT de Ribadavia conta coa colaboración da Xunta para unha 36ª edición ao aire libre e con gran protagonismo galego

O director da Agadic participou na presentación do programa, que desenvolverá 24 representacións e actividades paralelas do 17 ao 27 de xullo

As compañías galegas ocupan un 70% da carteleira, na que tamén destaca a presenza da danza e os espectáculos de Antón Reixa, Teatro en Vilo e Agnés Mateus con Quim Tarrida

AVANTAR ACTIVIDADES

A organización da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia desvelou hoxe a programación completa da súa 36ª edición, que se celebrará integramente ao aire libre do 17 ao 27 de xullo e para a que volve contar co apoio económico da Xunta de Galicia como unha das principais colaboradoras do evento.

En representación da Consellería de Cultura e Turismo, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, interveu na presentación que tivo lugar no conxunto monumental de Santo Domingo e na que participaron tamén o alcalde de Ribadavia, César Manuel Fernández Gil; o director da MIT, Roberto Pascual, e os representantes do resto das entidades implicadas no encontro.

Sutil fixo fincapé no esforzo organizativo por manter a edición deste ano, cun gran protagonismo das compañías galegas, que supoñen o 70% desta carteleira. Neste sentido, felicitou o Concello de Ribadavia na súa aposta pola continuidade desta cita teatral, ademais de incidir na “capacidade de resposta e reacción” dos profesionais galegos da cultura para adaptar as dinámicas de organización e de relación co público á situación provocada pola Covid-19.

No caso da MIT, articuláronse unha serie de medidas especiais para garantir a seguridade e o benestar do público, comezando polo desenvolvemento ao aire libre da totalidade das 24 actividades programadas, entre funcións escénicas, presentacións e obradoiros.

Danza e narración oral

Dentro das propostas galegas, a carteleira deste ano concederalles unha especial atención á danza e á narración oral. No primeiro dos casos, en Ribadavia poderán verse as últimas montaxes de Nova Galega de Danza xunto a Rosa Cedrón, Pálido Domingo, Kirenia Martínez Acosta ou La Macana, ademais de acoller a estadía artística de Laila Tafur dentro do programa Residencias Paraíso, organizado polo Colectivo RPM en colaboración coa Agadic. Pola súa banda, Paula Carballeira, Quico Cadaval, Pedro Brnadariz, Isabel Risco, Celso Sanmartín, José Luis Gutiérrez Guti ou Fran Rei darán conta da gran conexión co público que mantén a narración oral galega.

O recentemente estreado Dreaming Juliet, de Elefante Elegante, e dous dos espectáculos máis premiados na pasada edición dos Premios María Casares de Teatro Galego −Liberto e Fariña− representaranse tamén nesta 36ª edición do encontro, no que Marta Pazos recibirá o Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño. Xunto á súa compañía, Voadora, a directora impartirá ademais un taller de creación escénica a partir do Othello, de Shakespeare.

Estreas en Galicia

Entre as estreas da Mostra Internacional de Ribadavia, destaca a presentación en Galicia do premiado espectáculo Rebota, rebota y en tu cara explota, de Agnés Mateus e Quim Tarrida, e da montaxe de Teatro en Vilo Hoy puede ser mi gran noche, así como de Melancoholemia, coprodución da MIT con Antón Reixa, quen estará en escena xunto con Pedro Brandariz e baixo a dirección de Fernando Bernués, de Tanttaka Teatroa.

Nesta ampla programación, haberá tamén lugar para unha retrospectiva do director e dramaturgo Pablo Remón, así como para a peza visual e documental Tierras del Sud, de Azcona&Toloza.

Os abonos para a 36ª MIT de Ribadavia estarán á venda desde o 25 de xuño tanto na Casa da Cultura como na sede do festival, mentres que as entradas soltas poderán adquirirse a partir do 6 de xullo na web ataquilla.com e na oficina da MIT