A oferta para o vindeiro curso consolida a FP Dual, abrindo matrícula en 56 destes proxectos, entre eles o de termalismo

Close up of male student taking notes sitting at desk during lecture in college, focus on hand writing in notebook, copy space

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a oferta de Formación Profesional para o curso 2020/2021, na que se consolida a FP Dual. Nesta modalidade ábrese matrícula en 7 proxectos na provincia de Ourense.

Nesta modalidade inclúese o ciclo de grao superior en Termalismo e Benestar. Trátase dun título deseñado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional a petición de Galicia, que se implanta por primeira vez en Galicia e nunha zona con tradición neste sector, Ourense.

AVANTAR ACTIVIDADES

A competencia xeral do ciclo é a de xestionar servizos relacionados co termalismo e o benestar, aplicando técnicas de hidrocinesia, técnicas hidrotermais, masaxes estéticas e programas de acondicionamento físico na auga, consonte protocolos establecidos, dinamizando as actividades personalizadas programadas e orientándoas cara á mellora da calidade de vida e da saúde, para conseguir a satisfacción das persoas usuarias e asegurar a prestación do servizo en condicións de calidade, seguridade e protección ambiental.

Ademais, a oferta inclúe a implantación dun curso de especialización na provincia, dirixido a alumnado xa titulado, o de Cultivos Celulares, no CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel.

A oferta de prazas na provincia de Ourense, na que se poderá formalizar a matrícula a partir de hoxe mesmo, contempla 3.129 prazas en primeiro curso en centros públicos (en números moi similares ao curso anterior), en 124 ciclos e programas formativos autorizados. Delas, 2.398 forman parte do réxime ordinario –908 en grao medio, 1.040 en grao superior, 432 en FP Básica e 18 en programas formativos para persoas con necesidades específicas de atención educativa-, mentres que outras 245 son do réxime modular para persoas adultas – 215 en grao medio e 30 en grao superior-, e 400 do réxime modular a distancia –150 en grao medio e 250 en grao superior-.No referido á FP Dual ofértase un total de 86 (42 en grao medio e 44 en grao superior).

Os proxectos de FP Dual que abren matrícula para o vindeiro curso 2020/2021 na provincia amósanse nas seguintes táboas:

Modificacións

Como é habitual, a oferta de FP flutúa para adaptarse ás necesidades do tecido produtivo e ás características da poboación de cada zona, o que supón unha oportunidade laboral para as persoas tituladas. Deste xeito, o novo mapa contempla cambios en diferentes centros, a maiores das novas incorporacións en materia de FP Dual.

Os cambios na provincia son os indicados no seguinte cadro:


Cursos de especialización

Os cursos de especialización son novas ensinanzas de FP, que veñen complementar a formación incluída nos ciclos formativos de grao medio e de grao superior. Para acceder a eles é preciso cursar e superar previamente un ciclo formativo.

A diferenza dos ciclos formativos que dan lugar a un título oficial do sistema educativo, ás persoas que superen estes cursos expediráselles unha certificación académica que complementa a formación do título que se require para o acceso. A duración dos cursos de especialización está fixada entre 300 horas e 720 horas, e por tanto a formación asociada realízase durante unha parte do curso escolar. Algúns dos cursos de especialización incorporan o módulo de Formación en centros de traballo (FCT) que tamén inclúen todos os ciclos de FP.

Con 600 horas de duración, no CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel ofértase o curso de especialización en Cultivos celulares. A súa competencia xeral é a de obter, procesar e preservar cultivos celulares e tisulares, para servir como apoio ao diagnóstico, aos ensaios terapéuticos, á procura de medicamentos, á creación e ao mantemento de bancos celulares, á investigación e a outros campos de interese, mantendo as instalacións e os equipamentos involucrados nos procesos e cumprindo as especificacións de calidade, prevención de riscos e protección ambiental. A ocupación principal tras realizar este curso é a de experto/a en cultivos celulares.