O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Felipe Senén Gómez

Artigo : ” O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega ”

A guerra civil española petou duro e máis no galeguismo: fusilados, paseados, exiliados, amedrentados, silenciados, ilusión rotas e perdidas….Ate os mesmos inicios do golpe de estado, mestres e mozos do Seminario de Estudos Galegos seguían na súa pacífica sementeira de sensibilidade, coas súas xeiras a pe, documentando o estado da cuestión do patrimonio cultural galego: a arqueoloxía, a historia, a etnografía… para logo estudala, interpretala e divulgala dende un principio no que xa insistiron  de Murguía a Risco: coñecer para querer e defender, xa que nas orixes radica a orixinalidade, a identidade, a distinción dun pobo.

AVANTAR ACTIVIDADES
Detalle escavación  Castro de Cameixa, (Foto Chamoso Lamas 1949

Ansias que abriron camiño a publicacións como o “Catálogo dos Castros do Carballiño” (1930) , tramándose a continuidade de estudos . Entre esa miras estaba o castro de Cameixa ou de Parada (Boborás). Sitio ben coñecido por ser as terras do filósofo do galeguismo Lousada Diéguez, como do filántropo e humanista don Xesús Espinosa, disposto a ofrecelo todo.

O Castro de Cameixa ocupa un deses estratéxicos rebordecháns que emproan ás bocarribeiras dos ríos Avia e do Arenteiro, baixo o que corre o Viñao ou  Aviote. Acrópole ovalada, penedía, de amplas e singulares vistas : cara ao solpor a Pena Corneira,  ao sur o Coto de Novelle e máis alá os montes da  Bracarense, como cara ao oriente os da Asturicense  dos que ven o Miño, o San Mamede…no norte a inconfundible silueta da Martiñá.

Coa guerra o Seminario de Estudos Galegos foi espoliado e podo selo máis a non  ser pola intervención dalgúns dos seus mesmos discípulos, entre eles, o que máis, veciño e alumno de Lousada Diéguez, como do mesmo Castelao en Pontevedra, Manuel Chamoso Lamas, de Moldes, axudado polo coengo compostelán don Xesús Carro así, como por outro adiantado compañeiro, Filgueira Valverde. Eles tentaron, ata onde puideron, por a salvo o legado e a misión do Seminario de Estudos Galegos  centralizándoo no Consejo Superior de Investigación Científicas, e velaí sigue.

Cameixa a derradeira pescuda arqueolóxica de Florentino López Cuevillas

Posguerra na que, quizais coa ansia de aliviar penas alguén determinou continuar con algúns dos programas do Seminario, entre eles os ideados por Florentino López Cuevillas, como eran seguir coas escavacións nos Castros de San Cibrán das Las ( e permitan que sexa leal á toponimia orixinal) e  no Castro de Cameixa. Aquel Cuevillas magoado e enfermo pasaba tempadas de acougo reumático no Carballiño, imposibilidades finais que facían que lle encomendara a súa misión arqueolóxica a quen consideraba o seu “brazo” de confianza, Xoaquín Lorenzo Fernández, o lembrado “Xocas”, quen no 1958, finalmemnte publicará as memorias do Castro de Cameixa, ano da morte do seu guieiro.

Nos veráns de 1944  ao 46  foi cando se escavaron uns 420 metros cadrados da acrópole deste castro. Asumindo que os asuntos arqueolóxicos nunca prescriben, pois a eles sempre se volve pra revisións: así no 1986,  a Dirección Xeral de Cultura decide revisar e reeditar estas memorias de cuestións “célticas”, as que na universidade compostelán que eu vivín estaban relegadas como “obsoletos”,  cando eran os inicios dunha Arqueoloxía Científica Galega, no seu tempo moi en relación co inmediato Portugal e coa Europa. Algo co que mesmo tropezei  como alumno e colaborador que fora denantes no Instituto e no Museo de Ourense de don Xesús Ferro Couselo e de “Xocas” que non eran pouca cousa en canto significaba Galiza.

Os estudos do asentamento castrexo de Cameixa foron feitos con meticulosidade e moi referenciados en Portugal a través de diferentes publicacións: “Las habitaciones de los castros” (Cuadernos de E. Galegos. 1946); “Notas Arqueolóxicas do Castro de Cameixa”, (Guimaraes 1948); “El monumento protohistórico de Augas Santas y los ritos funerarios en los Castros”. (Cuaderno E. G. 1948); “Cuatro peñas con pías en el Sur de Galicia “ (Cuaderno de E. G. 1952); “Cerámicas castrexas pintadas”, (Guimaraes 1952)… no Noticiario Arqueológico Hispánico, 1953…

Xacemento no que se documentan cinco niveis arqueolóxicos, cunha orixe que os escavadores, como os portugueses, entenden como “céltico”. Prototípica aldea castrexa, seguramente en relación coa minería, de acrópole ovalada, con estreito acceso entre muros, terrapléns, foxos e antecastro. Escavacións que no seu nivel máis antigo evidencian restos de cabanas construídas de barro e con táboas de madeira, entre outras tamén de planta circular pero de pedra e recintos pra acurralar o gando. Onde mesmo se atoparon restos alimenticios carbonizados como presas de landras, trigo e abundantes restos de utensilios caseiros, de cacharros, dun coador ou queixeira de barro…e  mesmo a parte dunha cunca de madeira, anacos dun coitelo de ferro… Sendo o Nivel II o que aclara aspectos cronolóxicos por atoparse nel unha característica “fibela de longo travesaño” que permite datala arredor do 50 a. C. Todo o cal cabe supoñer que o nivel I é moi anterior. Coincidencias con outros castros que posteriormente sería datados polo C14 cunha orixe no sc. VI a.C e cunha vida ata o sc. II. Pezas entregadas ao Museo Arqueolóxico de Ourense e que pasarán por reveses que o mesmo “Xocas” conta como parte complementaria da historia da Arqueoloxía e da Museoloxía Galega.

Nos niveis correspondentes á romanización o Castro de Cameixa ofrece gran riqueza de material: agullas de bronce, doas oculadas importadas, entre un mostrario de cerámica decorada con temas xeométricos de pervivencia que os investigadores din “céltica”.

A parroquia de Cameixa, polo castro, pola súa Igrexa, pola súa etnografía, chantada nos camiños dos ribeiros, sempre estivo na memoria. No 2018 retómanse as prospeccións arqueolóxicas, neste caso baixo a man do arqueólogo Xurxo Lamas Bertolo. Asumindo que toda escavación presupón a titoría por parte dos poderes públicos, garantías de conservación e transmisión integra. Insistimos sempre en asuntos previos como a expropiación de terreos, deforestación dun xacemento ameazado polas raiceiras, vixilancia, consolidación do escavado…e paulatinamente creación dun centro museístico que garanta o que dicimos. Modelos de xestión na Europa madura haber hainos, velaí os “hillsforts” británicos. Aspectos que xa corresponden á xestión, isto é á Museoloxía, ciencias sempre en proceso de maduración en Galiza.

Gran coñecedor de canto reportaba  Cameixa e sobre todo por oficio das súas antigas sobreiras de boas cortizas era o galeguista Ernesto Atanasio, “O Corcheiro”. Contábanos as lendas referidas aos antigos habitantes, “os mouros”, gardadores de tesouros, posuidores da cabra de ouro…. da trabe de ouro e da trabe de alcatrán que, como o ben e o mal atravesaban o castro… mais ollo co avarento que busque e pete coa de alcatrán, pois dicíase que ardería o mundo…Lendas ás que referencia Cuevillas na catalogación dos Castros do Carballiño…

E máis no sitio e nas atractivas rutas do Concello de Boborás, cargadas de pasado e de presente.

———————————————————————————————————-

Traxectoria e obras de Felipe Senén

———————————————————————————————————-

Outros artigos de Felipe Senén:

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño