O Eixo atlántico impulsará as potencialidades turísticas do carballiño

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, recibiu hoxe no concello a visita do secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoan Vázquez Mao, con quen se reuniu no salón de plenos para analizar a colaboración desta entidade co concello carballiñés para promover medidas de apoio de cara á reactivación económica en materia de turismo.

Á reunión tamén asistiron o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, e a experta en Turismo do Eixo Atántico, Carmen Pardo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Trátase da primeira reunión que se celebra para a elaboración dun informe sobre as potencialidades turísticas do Carballiño, que impulsará o Eixo Atlántico conxuntamente co concello carballiñés no contexto das medidas urxentes para paliar os efectos económicos do COVID19.

Neste sentido, cabe resaltar que O Carballiño, xunto co Barco de Valdeorras, serán os primeiros concellos do Eixo Atlántico en impulsar o turismo no contexto das medidas para reactivar a economía tras a crise aberta pola pandemia do cornavirus.