Noa Presas: “Temos un compromiso claro: blindar a sanidade pública e reforzar a Atención Primaria”

A cabeza de lista visita a vila do Carballiño onde se compromete, a partir do 12X, a levar a cabo un novo Centro de Saúde

A formación nacionalista critica a decisión de Feijóo de reabrir discotecas e manter pechados os centros de día e de discapacidade

AVANTAR ACTIVIDADES

AUDIO NOA PRESAS

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, e a voceira do BNG no Concello do Carballiño, Sofía García, reivindicaron o abandono sanitario na vila ourensá. Presas asegurou que un cambio político liderado polo BNG fundamental para ter o dereito a unha atención sanitaria de calidade e comprometeuse a construír un novo Centro de Saúde para O Carballiño e unha mellora na Atención Primaria, reforzándoo diante da crise da covid e para paliar os recortes de 11 anos de Núñez Feijóo.

VIDEO

A voceira municipal, Sofía García, lembrou que o Centro de Saúde do Carballiño leva en funcionamento corenta anos. “Un edificio que presenta deficiencias a nivel de infraestruturas como no escaso persoal que posúe con salas de espera masificadas” indicou García. Asemade, lembrou que nestes anos houbo recortes na plantilla de persoal, quitando xinecoloxía e mesmo o servizo de psicoloxía e mesmo unha deficiencia no uso do servizo de radiografía por ter “máquinas obsoletas”.

“Desde o BNG diante destas eleccións temos un compromiso claro: blindar a sanidade pública e reforzar a Atención Primaria” comezou a intervención a cabeza de lista da formación nacionalista por Ourense, Noa Presas. Continuou sinalando que o servizo de Atención Primaria foi o ámbito da sanidade pública galega que con máis intensidade sufriu os recortes: masificacións das consultas, redución de persoal, listaxe de espera de máis dunha semana para medicina de familia, peche de axendas, saturacións, ausencia de pediatras, e cun recorte acumulado de aproximadamente 2 mil millóns de euros nos orzamentos.

Presas comprometeuse a apostar por “blindar á sanidade pública” e apostar porque ás e os ourensáns “teñan unha Atención Primaria de primeira” xa que a circunscrición  conta cunha porcentaxe elevada de fogares formada por persoas de 65 ou máis anos. “Case o 30%, Máis de 38.000 fogares dos que moitos son unipersoais” recalcaron. “É algo fundamental tamén se queremos fixar poboación xa que dificilmente vai poder vivir e fixar a súa familia en lugares como Carballiño se non ten, por exemplo, un servizo de pediatría de mañá e de tarde” exemplificou a candidata nacionalista.

Así mesmo, Presas aposta por desenvolver un Plan de Mellora de Atención Primaria e a reforzar o sistema diante da crise da COVID-19 e paliar os recortes, así como incrementar o número de profesionais en todas as categorías e aumentas as prazas de formación para as especialidades e aumentar a carteira de servizos “como a psicoloxía clínica ou a logopedia”. Comprometeuse tamén coa construción dun novo Centro de Saúde para a vila do Carballiño

Discotecas vs Centros de día

Por outra banda, a candidata do BNG por Ourense criticou a decisión de Núñez Feijóo de reabrir espazos de ocio como as discotecas ao tempo que é a única comunidade de todo o Estado onde continúan clausurados os centros de día e de discapacidade até setembro. Presas aproveitou a ocasión para demandar unha vez máis a rectificación do PP convidando á formación conservadora a “quitar tempo das telepredicacións electorais” e que se poñan a traballar “polas familias e usuarios que o están pasando mal.