Ampliado o prazo de presentación do XVII premio de narración “Pura e Dora Vázquez”

O Boletín Oficial da Provincia publicou a modificación das bases do XVII Premio de narración infantil e xuvenil “Pura e Dora Vázquez” da Deputación de Ourense, na que se contempla a ampliación do prazo de presentación dos orixinais ata o 31 de xullo, debido á crise sanitaria provocada polo COVID-19. Deste modo, na modalidade de narración, poderán presentarse ao concurso autores de calquera nacionalidade, sempre que presenten os seus orixinais en lingua galega. As narracións que se presenten terán temática libre, sempre adaptada a un público infantil ou xuvenil, e os textos serán inéditos e totalmente orixinais, coas seguintes características: os textos terán unha extensión mínima de 25 páxinas e máxima de 100 páxinas, formato A4, sempre escritos en programa Word, fonte tipográfica Times New Roman, tamaño de letra 12 puntos e interliñado 1,5.

A presentación dos orixinais poderá realizarse de maneira presencial, entregando un exemplar da obra en sobre pechado indicando no seu exterior «Premio Pura e Dora Vázquez, modalidade de narración, na oficina de asistencia ao cidadán en materia de rexistros; ou remitindo por correo certificado o exemplar da obra en sobre pechado, indicando no seu exterior «Premio Pura e Dora Vázquez, modalidade de narración»

AVANTAR ACTIVIDADES

As obras remitidas irán asinadas exclusivamente con pseudónimo. Dentro do sobre introducirase outro sobre pechado en cuxo exterior figurará o pseudónimo do autor e título da obra, e no seu interior os seguintes datos: título da obra, nome apelidos e pseudónimo do autor, enderezo postal, teléfono, enderezo electrónico e número de DNI. Cando as obras se remitan por correo certificado, deberá remitirse por correo electrónico á dirección publicacions@depourense.es unha copia do xustificante do envío emitido pola oficina postal.

Os interesados en participar teñen de prazo para presentar os seus orixinais ata o 31 de xullo de 2020. O premio está dotado con 1.500 euros.