O Psoe denuncia que Baltar “veta investigar o tráfico de información privilexiada nas axudas a pemes e autónomos”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, vetou hoxe investigar o tráfico de información privilexiada na “trama” das axudas a autónomos e pemes, artellada por membros do goberno provincial de PP e DO na institución. Este veto foi apoiado pola deputada de Ciudadanos, Montse Lama que, no lugar de criticar o caciquismo, cuestionou aos socialistas por solicitar aclarar estes feitos e por pedir solucións para as persoas afectadas. Os socialistas impulsaron a través dunha moción unha comisión de investigación para aclarar, no caso de habelas, as responsabilidades políticas derivadas da concesión de subvencións pola COVID-19, logo de que esta difusión de información privilexiada provocase que 683 solicitudes foran rexistradas fóra de prazo. A iniciativa tamén instaba á “execución inmediata dos mecanismos e trámites administrativos necesarios, para solventar os problemas ocasionados ós afectados e afectadas polas irregularidades no procedemento de publicidade e concesión das subvencións”. O deputado, Nacho Gómez, afirmou que coa iniciativa buscaban aclarar se “están a mercadear cos cartos de todos” porque “non estamos en contra dos autónomos nin de estas axudas da Deputación, pero si en contra de que haxa autónomos que non teñen as mesmas oportunidades que uns poucos privilexiados”. “Que se autoinculpara o secretario por un erro non quere dicir que vostedes non intentaran dicirlle á xente afín o día 8 esta información privilexiada”, recalcou. “Están manipulando e mentindo porque intentaron traficar e mercadear coas axudas”, aseverou antes de acusar aos populares de “querer tapar as súas corruptelas con falsidades e propaganda”. www.psdegpsoeourense.es Tel. 988370386 Ribeira de Canedo 24-26 32001 Ourense @PSdeGdeOurense O deputado tamén recordou como os deputados e deputadas da corporación teñen “deber de reserva para decisións que aínda se atopen pendentes de resolución”, tal e como advirte a institución por escrito en todos os documentos dos que achega copia, polo que definiu como “ilegal” a difusión de papeis reservados da xunta de goberno unha semana antes de saír no BOP. Gómez incidiu en que “o PP votou en contra do estado de alarma cando estas axudas do Goberno central aínda estaban vinculadas” polo que “se fora por vostedes os autónomos de Ourense estarían sen cobralas”. Estamos ante a “trama das subvencións”, afirmou, creada coa “intención de mercadear coa vontade das persoas para, coma sempre, dar axudas aos amigos”. “Baltar segue coa mesma política caciquil durante a pandemia e con fins electoralistas”, insistiu antes de destacar as incongruencias “curiosas” do portavoz de DO ao afirmar que “saltarse a lei é algo que non é grave”. Subvencións a pemes e autónomos da Deputación Estas axudas que o PSOE apoia son subvencións directas de 600 euros para autónomos e de ata 1.000 euros para pemes, outorgadas por concorrencia segundo orde de rexistro das solicitudes e só ata esgotar o crédito habilitado de 3,8 millóns no caso dos autónomos. Nos días previos á obrigada publicidade a través do BOP, numerosos cargos públicos do PP difundiron a través de perfís persoais e institucionais de Facebook ou de chats de Whatsapp, documentación reservada da orde do día da Xunta de Goberno, así como información errónea sobre prazo e procedemento para solicitar as axudas. A propio web da institución tamén informou erroneamente do prazo.