Os Itinerarios Culturais centran a xornada final da asemblea do termalismo europeo

Videoconferencia Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) cos membros da EHTTA.

A segunda xornada da asemblea xeral da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa (EHTTA), entidade que preside Manuel Baltar, celebrou hoxe a súa segunda sesión, dedicada especialmente ás rutas culturais europeas. 53 territorios termais de 18 nacións de Europa debateron sobre as perspectivas do termalismo na etapa poscovid e de que maneira a cultura pode favorecer a creación de novos modelos turísticos que combinen seguridade, calidade e cultura termal, lecer e saúde, para un público cada vez máis esixente e heteroxéneo que visitará Europa desde diferentes lugares do mundo, expresou Manuel Baltar.

O presidente da Deputación de Ourense e da EHTTA -a maior rede púbica de entidades termais de Europa- fixo esta afirmación na sesión de clausura da asemblea, que contou hoxe coa participación de Stefano Dominioni, director do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais e secretario executivo do Acordo Parcial Ampliado sobre Rutas Culturais do Consello de Europa. Na súa intervención, Dominioni falou sobre o programa de Itinerarios Culturais, a súa filosofía e evolución, e do valor agregado da certificación.

AVANTAR ACTIVIDADES

Este programa, lanzado en 1987, ten como finalidade pór en valor a riqueza e a diversidade das culturas europeas e converter as identidades culturais compartidas nunha realidade tanxible, máis aló das divisións políticas e ideolóxicas. Estes Itinerarios Culturais demostran como o patrimonio e as culturas de diferentes e afastadas rexións de Europa contribúen a construír un patrimonio cultural compartido, destacou Dominioni.

Unha realidade, que no caso dos territorios que comprende a Asociación de Cidades Históricas Termais -destaca Manuel Baltar-, baséase en combinar o termalismo con todo o ámbito cultural que o rodea: arquitectura, etnografía, historia, arte, xunto a todos aqueles valores que fan singular a cada un dos nosos territorios, como poden ser a gastronomía, as tradicións e o medio natural, explica o presidente Baltar, lembrando que na nova realidade que nos atopamos o termalismo terá un aliado na seguridade e a confianza que buscan xa os novos usuarios, pois a base do turismo termal é a saúde, ao que contribúen as nosas augas mineiro-medicinais e as instalacións balnearias que integran a rede EHTTA , asegura Manuel Baltar.

Precisamente, o éxito do programa de Itinerarios Culturais Europeos está na promoción dos valores, o respecto das identidades e da diversidade, o diálogo intercultural e os intercambios transfronteirizos, algo que -lembrou Dominioni- foi recoñecido en 2019 co Premio Carlos V, un galardón -concedido por primeira vez a un programa europeo- que honra a persoas, organizacións, proxectos ou iniciativas que contribúen a destacar os valores culturais e históricos de Europa.

Nesa liña seguimos traballando, expresou Baltar, coa convicción de que o termalismo europeo sae fortalecido nesta nova normalidade, porque calidade sempre é sinónimo de esixencia e confianza, dous elementos fundamentais que integran a seguridade que hoxe en día demanda o turista.

Ao longo destas dúas xornadas, representantes institucionais, técnicos e expertos termais de España, Portugal, Reino Unido, Austria, Bélxica, Croacia, República Checa, Francia, Alemaña, Italia, Hungría, Luxemburgo, Polonia, Estonia, Grecia, Turquía, Acerbaixán e Xeorxia, déronse cita (telemáticamente) na asemblea xeral da EHTTA para pór en común estratexias e novos plans cos que o termalismo vai facer fronte ás consecuencias da crise do COVID-19 para afrontar os novos modelos do turismo de lecer e saúde en Europa.

Na última sesión puxéronse en común exemplos sobre boas prácticas en diferentes itinerarios culturais europeos e aspectos de cooperación e desenvolvemento nestes ámbitos. Falouse de mellora da memoria, a historia e o patrimonio europeo; os cambios culturais e en educación dos mozos europeos; prácticas culturais e artísticas contemporáneas; e turismo cultural e o desenvolvemento cultural sustentable, así como da European Travel Commission e do Manifesto Europeo do Turismo.

A asemblea concluíu coas miras postas en dous eventos: a celebración do Día do Patrimonio Termal 2020, que en Europa se conmemorará en Baden Baden, un encontro que servirá para chamar a atención da UE sobre as nosas posibilidades de desenvolvemento e o noso papel no Plan de Recuperación de Turismo da Unión , afirma Baltar; e tamén o encontro que terá lugar o ano próximo en Estados Unidos, país que xogará un papel fundamental para o turismo termal que virá a Europa, para o que a EHTTA desenvolverá a súa oferta de saúde, cultura e valores europeos, dirixíndose tamén a este mercado , destaca o presidente Baltar.