O Pleno Municipal aprobou unha vez máis unha Moción en defensa do Colexio da Alameda, polo que pedimos que se leve a cabo por parte do goberno.
Pedimos unha vez máis que a alcaldía convoque a plataforma veciñal, directiva do centro e Consellaría de Educación, e a todos os grupos municipiais co obxectivo de buscar un acordo entre as partes e o mantemento do Colexio nesta crise do Covid19.
O Pleno de xuño aprobou unha nova Moción en defensa do Colexio da Alameda presentada conxuntamente por Ribeiro en Común e PSdG e que contou tamén co apoio de BNG.
Os grupos da oposición reclamaron unidade na defensa do noso colexio e volvemos pedirlle ao goberno que se sume a esta reivindicación xusta e veciñal.
Neste sentido, foi unánime a petición feita á alcaldía e ao goberno municipal para que opten polo diálogo e convoquen a plataforma veciñal, directiva do centro e Consellaría de Educación, e a todos os grupos municipiais co obxectivo de buscar un acordo entre as partes e o mantemento do Colexio nesta crise do Covid19.
As posicións unilaterais e de parte deben ser abandonadas, non se pode admitir que a Directiva e a Consellaría de Educación lle impoñan a Ribadavia este peche, e menos que se faga de costas á comunidade educativa.
Mañá está convocada xuntanza do Consello Escolar e nela non se inclúe ningún punto na orde do día sobre o Colexio da Alameda, un novo exemplo do intento da dirección do centro de impoñer unha decisión unilateral a toda a comunidade educativa e a toda a sociedade ribadaviense, quen xa se manifestou contraria ao peche do Colexio da Alameda.
Apoio e respaldo ao Colexio da Alameda que quedou patente o xoves pasado tanto a través do grupo de veciños que se reuniron na praza maior de Ribadavia para manifestar o seu apoio e respaldo ao Colexio da Alameda, como tamén a través da maioría dos representantes políticos dos veciños de Ribadavia, 8 concelleiros de 13, que manifestaron o seu respaldo á continuidade deste Colexio.