A tempada de alto risco de incendios comeza mañá e quedan prohibidas as queimas agrícolas e forestais

O período de alto risco abrangue un período de tres meses, dende o 1 de xullo ata o 30 de setembro

A Consellería do Medio Rural lembra que existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria: o 900 815 085

AVANTAR ACTIVIDADES

A campaña de alto risco de incendios forestais en Galicia comeza mañá, mércores 1 de xullo, e estenderase ata o 30 de setembro. Isto supón a suspensión das queimas, polo que quedou interrompida a tramitación das comunicacións para as queimas agrícolas, así como a dos permisos para as queimas forestais.

De cara a esta tempada de alto risco, a Consellería do Medio Rural lembra que existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: o 900 815 085. A Xunta pide a colaboración da sociedade denunciando este tipo de accións, a través do teléfono ou directamente ante as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

A maiores, o Goberno galego lembra que tamén está a disposición da cidadanía o servizo gratuíto 085, ao que se debe chamar no caso de detectar un incendio forestal. Failles tamén unha chamada a todas as persoas que se acheguen ao monte nestas datas para que extremen as precaucións e eviten calquera práctica que implique risco de lume.

Por mor do inicio do período de alto risco, a partir de mañá refórzase o dispositivo establecido no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, Pladiga 2020. Este ano, como nas últimas campañas, o operativo de verán estará integrado por máis de 7.000 efectivos, entre persoal da Xunta, dos concellos, do Ministerio, do Exército e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.