Feijóo en Cenlle: ” O PPdeG seguirá apostando pola recuperación de terras para mellorar a competitividade do rural “

Asegura que Galicia aproveitará para converter en realidade as oportunidades que se lle presentan ao rural galego no actual contexto

AUDIO DE FEIJÓO

AVANTAR ACTIVIDADES
  • Anuncia a aprobación da Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria en Galicia
  • Visita esta mañá a aldea-modelo de Osmo, en Cenlle, e salientou que máis de 60 concellos galegos xa solicitaron incorporarse a este tipo de iniciativas

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, visitou esta mañá a aldea modelo de Osmo, no concello ourensán de Cenlle, e avanzou que Galicia seguirá apostando pola recuperación de terras, como as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais, como ferramenta clave para a creación de novas oportunidades e a mellora da competitividade das explotacións.

Feijóo manifestou que a Galicia de hoxe está máis comprometida ca nunca co rural porque, tras os duros momentos que vimos de pasar, o rural galego foi unha das forzas que nos mantiveron en pé. Así, dixo que esta crise pode ser unha oportunidade para o retorno ao rural, polo que o gran obxectivo sigue sendo que o noso rural sexa máis competitivo que nunca. Neste sentido, asegurou que a nosa Comunidade aproveitará para converter en realidade as oportunidades que se lle presentan ao rural galego no actual contexto.

NOVAS ACTUACIÓNS

Deste xeito, garantiu seguir traballando e apostando polo noso rural; ao tempo que avanzou a aprobación nos próximos anos da Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, co obxectivo de regular todo o catálogo de terreos de alta produtividade agropecuaria e forestal; e todas as todas as ferramentas de recuperación de terras.

O presidente do PPdeG avanzou tamén a creación dun Banco de Explotacións, para facilitar a posta en contacto entre titulares de explotacións que abandonen a actividade e persoas interesadas na súa incorporación; e o impulso de medidas relacionadas coa comercialización do produto agroalimentario, como a potenciación da canle Mercaproximidade, o deseño dun plan de internacionalización das empresas agroalimentarias galegas e a aprobación da nova Lei de Calidade Alimentaria.

Tamén se impulsará a mellora dos controis sanitarios da produción agroforestal e se desenvolverá o Plan Estratéxico de Galicia para a PAC 2021-2027, con estratexias sectoriais para o sector lácteo, o sector cárnico, a dinamización das comarcas vitivinícolas, e o apoio a outros sectores.

Feijóo referiuse, ademais, á posta en marcha dos proxectos tractores da economía galega, cos que darlle un impulso definitivo ao rural galego: cunha planta de fabricación de fibra forestal, a posta en marcha dun centro de residuos e o impulso dunha planta para a xeración de hidróxeno verde.

Así, avogou por seguir o camiño iniciado hai xa 11 anos, porque, tal e como apuntou, é o camiño que impulsa aos nosos principais sectores produtivos, co que gaña presenza da xuventude no rural e co que se consegue que Galicia siga tendo máis e mellores servizos no rural.

E puxo en valor á nosa Comunidade, como o lugar de toda España con menos impostos para comprar unha vivenda no rural -cero para xente moza, familias numerosas e persoas con discapacidade-; así como tamén, o único lugar de España no que non hai que pagar nin un euro por mercar, permutar ou agrupar parcelas. E avanzou que se impulsará este programa de impostos cero no rural ao eido nacional: “Os impostos cero no rural dannos lexitimidade para solicitar do Goberno central os impostos cero en todo o rural de España”.

ALDEAS MODELO E POLÍGONOS AGROFORESTAIS

Na súa intervención, Feijóo sinalou que as concentracións parcelarias foron unha medida fundamental para o despegue socioeconómico do agro galego. Neste sentido, lembrou que desde o ano 2009 investíronse nestes procesos máis de 118 millóns de euros, e que se seguirá traballando con intensidade para pechar administrativamente os 101 procesos de concentración parcelaria que temos abertos a día de hoxe, ao tempo que no último Consello da Xunta aprobouse entregar este ano máis de 20.000 títulos de propiedade a máis de 9.200 veciños beneficiados nos 20 procesos de reorganización do territorio.

Ademais destes procesos de reestruturación parcelaria, salientou a posta en marcha de dúas iniciativas pioneiras para a recuperación da terra: as aldeas modelo, coma a de Osmo, e os polígonos agroforestais.

Respecto das aldeas modelo, dixo que son un proxecto pioneiro cun dobre obxectivo: protexer tanto as persoas coma os seus bens da ameaza dos incendios e impulsar novas actividades agrogandeiras na franxa dos 50 metros próximas ás vivendas.

Galicia conta na actualidade con 11 aldeas modelo, o que supón actuar nunha superficie de máis de 300 hectáreas, con máis de 7.000 parcelas duns 1.500 propietarios. De cara ao futuro, son máis de 60 os concellos que tamén solicitaron unirse a esta iniciativa.

Feijóo engadiu que o Goberno do PPdeG tamén está a recuperar a terra a través dos polígonos agroforestais, dándolle unha nova vida a terras que teñen un alto potencial, pero que están abandonadas e converténdoas en terras de interese para potenciais explotacións agroforestais.

Neste momento, están en marcha cinco polígonos agroforestais en Galicia: en Carzoá-Cualedro, Santa Uxía de Lobás-Carballiño, San Cibrao-Oímbra, os destinados á produción de viñedo das cinco Denominacións de Orixe galegas, e en Curtis.