A Xunta autorizará que os centros de día e ocupacionais reabran a partir do 15 de xullo

Esta mañá mantívose unha reunión con representantes da discapacidade e do sector da atención diúrna ás persoas maiores

Esta decisión tómase unha vez que o persoal destas instalacións está próximo a finalizar os cursos de formación para a posta en marcha deste servizo

AVANTAR ACTIVIDADES

Terán que contar cun protocolo específico de reactivación aprobado pola correspondente área sanitaria

Faránselles chegar os equipos de protección (EPIS) necesarios para reanudar coa máxima seguridade o servizo

A Xunta de Galicia autorizará que os centros de día de maiores e persoas con discapacidade e os centros ocupacionais, sempre que conten cun protocolo específico de reactivación aprobado pola correspondente área sanitaria, poidan reabrir a partir do 15 de xullo. Deberán, en todo caso, cumprir co Plan de reactivación no ámbito sociosanitario en vigor.

Esta decisión tómase unha vez que o persoal destas instalacións está próximo a finalizar os cursos de formación que a Xunta ofreceu de xeito totalmente gratuíto. Ademais, a Administración autonómica faralles chegar os equipos de protección individual (EPIS) necesarios para que os traballadores e os usuarios poidan contar coa máxima seguridade durante o servizo.

Cúmprese así co compromiso de normalizar progresivamente a situación destes servizos. A Xunta de Galicia leva traballando desde que se iniciou a desescalada cos centros de día para retomar as actividades que ofrecen.

Desde o 10 de xuño, permitiuse que os centros prestasen atención terapéutica individual con cita previa, como resposta ás necesidades das persoas maiores ou con discapacidade e as súas familias. Ao tempo, púxose en marcha unha formación gratuíta e facilitóuselles un protocolo de base para adaptar os centros á súa propia realidade.

Cómpre lembrar que segue aberto o prazo para solicitar o Bono coidado extraordinario para a contratación dun servizo de atención á domicilio ou para compensar a baixada salarial motivada por unha redución de xornada ou unha excedencia por coidados. A Administración autonómica tamén puxo á disposición dos centros de día e ocupacionais unha axuda económica para facer fronte aos seus custes fixos durante o período de suspensión da actividade, desde a declaración do estado de alarma.