Baltar, reelixido presidente de Partenalia

Videoconferencia Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) coa Xunta Directiva da FERMP.

Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, foi reelixido hoxe por unanimidade presidente da rede europea de gobernos provinciais, Partenalia, na reunión telemática celebrada polo consello político desta entidade de gobernos locais intermedios europeos. No encontro detallouse tamén o plan de acción para o segundo semestre de 2020, no que figura a participación desta rede na Semana Europea das Rexións e Cidades 2020 cun foro sobre “Turismo sostible”, que terá lugar durante a “Semana Verde” organizada pola Comisión Europea. Esta iniciativa dá continuidade a un dos eixos da estratexia política de Partenalia para impulsar prácticas de turismo sostible a nivel local e destacar o papel crucial das Autoridades Locais Intermedias Europeas ( NUTS III) neste ámbito.

Manuel Baltar trasladou no seu discurso como renovado presidente de Partenalia que o seu obxectivo para este novo mandato baséase en reforzar as relacións dos gobernos provinciais de Europa co Comité das Rexións, nesta nova etapa ” poscovid”, “onde é necesario máis que nunca fortalecer “unha voz propia” na UE para expor, como na actual crise sanitaria e económica, respostas adecuadas con interlocutores directos e implementar así políticas europeas eficaces a nivel local”, afirmou.

AVANTAR ACTIVIDADES

Neste sentido, no novo escenario que se abre social, económica e politicamente, coa presenza da crise do COVID-19 en todos os ámbitos, Baltar informou da iniciativa posta en marcha en Ourense para homenaxear “de maneira permanente e internacionalmente” ás vítimas do coronavirus, as súas familias e ao persoal esencial durante a pandemia. O acto solidario e musical, denominado “O Gaiteiro da Catedral”, consiste en que cada xornada, os 365 días do ano, ás 11.30 horas, un gaiteiro toque desde a torre da catedral de Ourense o himno oficial da provincia en honra ás vítimas do COVID-19, como o veñen facendo gaiteiras e gaiteiros desde o pasado 30 de xuño en que comezou este evento que une música, solidariedade e tradición.