O BNG comprométese a construír unha “Intermodal digna” para Ourense a partir do 12X

Noa Presas postula ao BNG como “única forza que garantirá a defensa de Ourense” sen “ataduras nin obediencias”

O deputado do BNG, Néstor Rego, e a cabeza de lista por Ourense propoñen a redución do prezo do Avant e a construción da variante exterior

AVANTAR ACTIVIDADES

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, e o deputado no Congreso, Néstor Rego, volveron lembrar o compromiso da organización nacionalista a respecto do futuro do tren e a estación intermodal. A formación nacionalista comprometeuse a poñer un prezo xusto para o Avant, a construír unha intermodal digna e a exercer, desde o goberno galego, presión para levar a cabo a variante exterior.

Por unha banda, o BNG sinalou a necesidade de “poñer punto e final ás demandas que levan once anos enriba da mesa” e rematar coas discriminacións que supoñen un freo para Ourense. A garantía para confiar nese cambio, segundo sinalou Presas, é o BNG que demostrou coa súa volta ao Congreso dos deputados, onde Néstor Rego “levou as necesidades de Galiza e “facendo máis por Ourense en 8 meses que outras forzas políticas que levan décadas”.

“Ourense non pode seguir perdendo máis tempo, precisamos resolver tres necesidades urxentes” reivindicou Presas. A candidata comprometeuse a establecer un prezo xusto para o Avant así como defender unha “Intermodal digna para Ourense”. Nestes meses de confinamento, apuntaron desde a organización nacionalista, “a Xunta de Galiza aproveitou o confinamento para avanzar nas obras da intermodal que ninguén de Ourense quere, nin se quera os votantes do Partido Popular”.

“Pero nós non nos esquecemos tampouco de que PSOE e Podemos teñen unha parte importante de responsabilidade na parte que lle corresponde ao Estado e onde a día seguimos sen constancia de que haxa unha intención de dialogar coa veciñanza de Ourense” apuntou Presas durante a súa intervención facendo referencia á variante exterior. A candidata apuntou a que a súa organización continúa a desconfiar de que o tramo de Taboadela poida ser o definitivo xa que “non temos ningún compromiso por parte das forzas de obediencia estatal”.

Por outra banda, Presas resaltou que “once anos dun Feijóo submiso a Madrid non serviron para que avanzaramos”. Desde o BNG entenden que Ourense ten a capacidade suficiente como para saír de once anos de debates conxelados ao longo destas lexislaturas. “É hora de abrir un tempo novo e liderar un cambio político da man de Ana Pontón e o BNG a partir do 12X onde estes compromisos estean enriba da mesa”.

“Sen ataduras nin obediencias” e defendendo os intereses das e dos ourensás

A cabeza de lista postulou ao BNG como única forza política capaz de garantir e levar a cabo todas estas reivindicacións: “somos as únicas que non temos as mans atadas e que non imos ir á Xunta de Galiza a defender o que nos diga nin Iglesias, nin Sánchez, nin Casado”. Asemade, apelou a todas aquelas persoas que teñen un compromiso con Ourense a aglutinar o voto na papeleta do BNG para deixar de “estar na sala de espera a que alguén nos dea as migallas”.

O deputado no Congreso dos deputados, Néstor Rego, sinalou á formación nacionalista como “a única” que leva á cámara do Estado “o futuro do ferrocarril nesta circunscrición”. Rego levou iniciativas neste sentido no Congreso ademais de enviar preguntas co obxectivo de que “tanto Xunta como Estado se comprometan a desenvolver un proxecto digno que dea solución ás necesidades de Ourense””