Feijóo en Ourense propón un voto seguro ante as incertezas da situación actual e as que sumaría un multipartito

Afirma que a oposición “pasou do voto do medio ao medo a votar”, pero que esa estratexia tamén fracasará porque os galegos son demócratas e teimudos

  • Avoga por unha Galicia que traballe conxuntamente e cun presidente que se deba só a ela: “O meu capital político sodes vós”
  • “Imos apoiar aos autónomos sempre”, salienta Feijóo, quen lamenta que se denuncie á Deputación provincial por brindarlles axuda, cando o resto de Administracións así o fa

VIDEO

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, propuxo hoxe aos galegos un voto seguro o vindeiro 12 de xullo ante as incertezas sanitarias, coa ameaza da Covid-19 na economía e o emprego, e a posibilidade dun multipartito, cando o que se precisa é estabilidade. Neste sentido, afirmou que os partidos da oposición “pasaron do voto do medo ao medo a votar”, pero esa estratexia tamén vai fracasar porque os galegos somos demócratas e teimudos, e “votamos cando se nos chama a votar”.

Nun acto electoral celebrado en Ourense, Feijóo citou a todos os galegos e galegas a ir votar o vindeiro domingo para escoller entre certezas ou máis incógnitas; para seguir abordando os retos desde o mesmo día seguinte das eleccións ou frearse e ver que pasa entre dez partidos; para decidir entre xestión ou axitación; ou para escoller unha Xunta que goberna ou a desorganización dun multipartito.

COLEXIOS ELECTORAIS SEGUROS

Na súa intervención, incidiu que os colexios electorais son lugares seguros, coas medidas de hixiene e distanciamento necesarias, sen ningún perigo de aglomeración e con preferencia en todo momento para os maiores. Así, propuxo un voto seguro, porque se tomaron todas as medidas para poder votar con tranquilidade e porque Galicia conta con xestores con experiencia ante as incertezas sanitarias coa ameaza da Covid-19 e as incertezas na economía e o emprego.

Ademais, apuntou que será un voto seguro, porque o voto ao PPdeG converterase nun goberno que vai ter un presidente que se deba só a Galicia. “O meu capital político sodes vós”, salientou Feijóo, quen engadiu que a nosa Comunidade non precisa de ninguén que lle dea a espalda.

Neste senso, incidiu en que non quere unha Galicia partida e repartida en partidos, senón unha Galicia que siga traballando conxuntamente; do mesmo xeito que non quere unha Galicia fragmentada en bloques de partidos segundo ideoloxías, filias ou fobias, senón que quere ser presidente dun pobo que se mantén unido. Porque, tal e como indicou, o obxectivo é que Galicia saia gañando o vindeiro 12 de xullo.

XESTIÓN SANITARIA SERIA E NA QUE CONFIAR

O líder do PPdeG afirmou que levará adiante o seu proxecto cunha xestión sanitaria seria e na que se poida confiar, continuando coa ampliación das infraestruturas e servizos que permitiron responder ante a pandemia do coronavirus. Así mesmo, avanzou o seu propósito de que toda Galicia saia ganando con medidas en educación, onde se rexistran os mellores resultados de España segundo o informe PISA e defendendo unha selectividade máis equitativa en España; e potenciando o medio rural e os seus sectores produtivos.

COMPROMETIDOS CON OURENSE

“Estamos comprometidos con Ourense”, subliñou Feijóo, quen puxo en valor os investimentos na cidade, tales como a ampliación das infraestruturas sanitarias e os servizos para os maiores e a conciliación; as melloras nos centros educativos e o primeiro centro de Formación Profesional de Galicia; a estación intermodal e a mellora das conexións viarias co polígono de San Cibrao.

“Imos apoiar aos autónomos sempre, e non imos aceptar que se os denuncie nunca”, apuntou Feijóo, quen lamentou que se denuncie á Deputación de Ourense por brindarlles axuda, cando o resto das administracións públicas así o fan. Porén, pediu seguir axudando a este colectivo, que está atravesando o seu peor momento por mor da pandemia.