O minicampamento de verán “Coñece Galicia” do Carballiño conta aínda con 17 vacantes

A provincia de Ourense acollerá dous minicampamentos do programa ‘Coñece Galicia’, actividades que se desenvolverán en aloxamentos turísticos distribuídos por toda a xeografía galega en estancias de cinco días, de luns a venres. A Consellería de Política Social xunto coa de Cultura e Turismo impulsan esta iniciativa, que é unha das principais novidades da Campaña de Verán deste 2020 e que completa a programación de campamentos tras a necesaria adaptación das actividades ao novo escenario provocado pola covid-19.

Na actualidade quedan 17 prazas dispoñibles das ofertadas no minicampamento que se desenvolverán no hotel O Xardín, O Carballiño, centrado en actividades multiaventura e de inmersión e coñecemento do patrimonio natural e cultural. Así os interesados en participar nestas actividades poden inscribirse no programa Aventura no Arenteiro, no Carballiño, nas quendas do 27-31 xullo (11 prazas para cubrir) e do 17-21 agosto (6 prazas). O prazo de inscrición finalizará ata tres días antes do inicio de cada actividade.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os minicampamentos están dirixidos a nenas e nenos empadroados en Galicia que teñan entre 10 e 14 anos no momento da solicitude. O obxectivo deste novidoso programa é apoiar a adquisición de competencias e habilidades por parte das persoas máis novas, ao mesmo tempo que se fomenta o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, así como o coidado do medio ambiente e o ocio educativo.

A reserva de prazas efectuarase a través do formulario electrónico de inscrición, que estará dispoñible tamén na web de Xuventude. Admítese a inscrición en ata tres quendas de programas, indicando a orde de preferencia de participación. A adxudicación de prazas será por rigorosa orde de inscrición, ata cubrir a totalidade das ofertadas.

Todos os programas teñen un custe total de 125 euros por participante, con descontos do 50% para os membros de familias numerosas e monoparentais, e do 25% para usuarios do Carné Xove. As persoas participantes deberán cumprir as medidas persoais de hixiene e prevención obrigatorias fronte á covid-19.